Unha trintena de distribuidores, empresarios e propietarios de establecementos gourmet galegos situados en Barcelona participaron este mércores na presentación que a feira Etiqueta Negra realizou no Centro Galego da cidade condal.
A feira dos produtos gourmet galegos, que celebrará a súa terceira edición entre os días 10 e 12 de novembro, tivo unha boa acollida por parte do sector.
Moitos dos asistentes, segundo destaca o Concello, anunciaron a súa próxima visita á cidade para asistir a Etiqueta Negra, que volverá ocupar o Recinto Feiral.
A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, que se trasladou a Barcelona para facer esta presentación, explicou a importancia dunha feira como Etiqueta Negra dentro dunha cidade como Pontevedra.
Ademais de coñecer a programación da feira, os asistentes puideron comprobar a calidade dos produtos nunha degustación de produtos de 20 firmas galegas.