Os procuradores alertan de que a folga de 2018 e o parón da covid-19 provocaron "un ano de atraso" na Xustiza pontevedresa

Pontevedra
11 de decembro 2020

O decano do Colexio pide ás administracións a posta en marcha dun plan ambicioso, con máis recursos materiais e humanos, para garantir unha Xustiza máis áxil e eficaz e, por tanto, máis útil á sociedade e ao cidadán. Ofrece ás administracións toda a colaboración dos procuradores dos tribunais de Pontevedra

Gabriel Santos, decano do Colexio de Procuradores de Pontevedra Colegio de Procuradores de Pontevedra

A folga dos funcionarios de Xustiza que se prolongou entre febreiro e maio de 2018 e o parón da actividade xudicial derivado da crise sanitaria da covid-19 este ano 2020 provocaron unha situación crítica na Xustiza pontevedresa, na que o Colexio de Procuradores de Pontevedra alerta que se acumulou “un ano de atraso” desde 2017.

Os procuradores elaboraron un informe sobre a actividade xudicial do últimos catro anos en Pontevedra en base as notificacións recibidas polos procuradores e detectaron "un importante atraso" en todos a xulgados da área de Pontevedra, que xa se arrastraba desde a folga de 2018 e agravouse este ano.

Segundo os datos que facilitan os procuradores, no primeiro trimestre de 2018 a actividade caeu unha media do 50% con respecto ao ano anterior, con caídas do 70% nalgúns órganos xurisdicionais, e no segundo trimestre, un 25%.

Xa este ano 2020, despois de que a partir do 14 de marzo se paralizase practicamente a actividade nos xulgados polo estado de alarma. Nese trimestre constatouse un descenso do 18% e no segundo trimestre, un 47%. A caída media do primeiro semestre foi do 32,64%.

Santos apuntou que o descenso na actividade xudicial causado pola pandemia deixouse sentir en todos os partidos xudiciais, aínda que de forma desigual, xa que o parón sufrido de xaneiro a xuño deste ano con respecto a 2019 vai desde o 10,93% dos xulgados de Lalín ou o 20,68% de Cangas ao descenso de máis do 36% que experimentaron os xulgados de Cambados ou Pontevedra

O decano constata que se observou "un certo restablecemento" da actividade a partir do terceiro trimestre, pero sinala que é evidente que as medidas adoptadas ata o de agora "foron insuficientes para resolver ese gran atasco acumulado".

Tras constatar esta situación, o decano do Colexio, Gabriel Santos, pide ás administracións a posta en marcha dun plan ambicioso, dotado de recursos materiais e humanos, para recuperar a actividade xudicial.

Os procuradores insisten en que a paralización dos procesos xudiciais é "mala para as partes, mala para os profesionais e mala para a sociedade no seu conxunto", por iso é polo que pidan a creación dun plan de recuperación da actividade xudicial ambicioso, con máis recursos materiais e humanos, para garantir unha Xustiza máis áxil e eficaz e, por tanto, máis útil á sociedade e ao cidadán. 

O Colexio ofrece ás administracións toda a colaboración dos procuradores dos tribunais de Pontevedra.