Os principais expertos sobre compostaxe do estado reúnense en Pontevedra

Pontevedra
02 de novembro 2018

A Deputación organiza un 'workshop' no que recibirá a representantes do Ministerio de Medio Ambiente, da Axencia catalá de residuos, dos consorcios catalán e navarro e da Deputación Foral de Áraba, que coñecerán in situ o Plan Revitaliza que promove a institución provincial

"Festa da compostaxe" Mónica Patxot

Pontevedra acollerá o luns 5 e o martes 6 de novembro un 'workshop' sobre compostaxe organizado pola Deputación.

Nestas xornadas reuniranse os expertos máis destacados do estado para debater sobre a mellor maneira de implantar a compostaxe como modelo de xestión do lixo da maneira máis eficaz posible.

Desta forma acudirán á Boa Vila representantes do Ministerio de Medio Ambiente, da Axencia catalá de residuos, dos consorcios catalán e navarro e membros da Deputación Foral de Áraba, todos eles institucións que levan tempo traballando na área e que coñecerán o Plan Revitaliza que impulsa a administración provincial en Pontevedra.

O obxectivo final do encontro será desenvolver unha guía de técnica para implementar a compostaxe comunitaria e que este documento poida servir finalmente como base para a futura normativa estatal, autonómica e local.

Trátase do segundo 'workshop' que manteñen estes representantes técnicos tras o celebrado con anterioridade en Barcelona,

Ademais de debater sobre o actual modelo marco normativo, nas xornadas darase a coñecer a nova Ordenanza Marco Revitaliza sobre compostaxe local para a provincia de Pontevedra, recentemente aprobada pola Deputación. 

Durante a segunda xornada programada, o martes 6, levará a cabo unha recepción oficial aos participantes, estando prevista unha visita guiada por diferentes exemplos de xestión de residuos no marco do Plan Revitaliza, coñecendo grandes produtores como o de Príncipe Felipe, composteiros comunitarios urbanos e tamén os instalados en zonas rurais.