Os primeiros percorridos de +Bosques de outubro serán por cabo Udra e polo río Almofrei

Pontevedra
02 de outubro 2024

A iniciativa, que remata este mes, promove o contacto directo coa natureza e ten xa todas as prazas cubertas

Roteiro polo bosque Juan Mejuto

A Deputación de Pontevedra leva os primeiros percorridos de +Bosques de outubro ata o cabo Udra (Bueu), o sábado 5 de outubro, e o río Almofrei (Pontevedra), o domingo 6. 

Serán en total 30 as persoas que participarán nestes percorridos, con duración de ata 3 horas, que permitirán afondar sobre a especiais características destes espazos que os converten en lugares protexidos ou con exemplares botánicos singulares.

Esta iniciativa da institución provincial, que promove o contacto directo coa natureza, permite ás persoas participantes gozar das vantaxes dos "baños de bosque" a través de preto de 40 percorridos organizados entre xuño e outubro polos ríos Almofrei (Pontevedra) e Xabriña (Covelo), O Carreirón (A Illa de Arousa), cabo Udra (Bueu), a illa de Tambo (Poio), o lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o pazo de Lourizán (Pontevedra).

Coas saídas desta fin de semana, a Deputación, a través de +Bosques, organiza oito percorridos en outubro, mes no que remata o programa, que teñen xa todas as prazas esgotadas.

En total programáronse entre xuño e outubro 40 quendas en sete espazos tanto da costa como do interior da provincia que están a permitir coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. 

Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. +Bosques promove a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural.