A primeira edición do concurso 'Crea economía social' xa ten os seus gañadores. A iniciativa, promovida pola Vicerreitoría do campus e AJE-Pontevedra no marco da Rede Eusumo, e impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social xa premiou ás catro mellores ideas de negocio baseadas nos principios da economía social ligadas ás áreas do Campus Crea.
Foi este venres cando o xurado outorgou o premio e accésit ás mellor ideas en artes, comunicación e creatividade; en educación, innovación social e xestión pública; en deporte, saúde e benestar e en medio ambiente e natureza.
Deste xeito, os gañadores foron, na primeira categoría, o graduado en Belas Artes Ricardo Manuel González, que presentou unha proposta Outlet de materiais BBAA, unha tenda de materiais de segunda man, en coordinación coa facultade, dirixida a reducir os custos para o alumnado daqueles produtos, como pinturas, lenzos ou bastidores, que precisan ao longo da carreira.
En educación, innovación social e xestión pública, o premio foi para o emprendedor Miguel Pampín, por O Taller. Trátase dun espazo de traballo cooperativo para desenvolver con ferramentas profesionais múltiples tipos de proxectos.
Na idea de negocio en deporte, saúde e benestar o premio foi para RV-Fisio, unha proposta que o alumno de doutoramento Pablo Campo presentou, xunto co profesor da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez, unha liña de investigación sobre as posibilidades terapéuticas da realidade virtual inmersiva nas persoas maiores, que centra a súa tese de doutoramento.
Por último, o premio de mellor idea de negocio en medio ambiente e natureza foi para Irene Conde, Saray Dacosta e Nerea Figueroa, tres alumnas de FP no Colexio Vivas de Vigo. Xunto coa súa profesora Ángela Riveiro presentaron Sairne S. Coop. Galega. É unha iniciativa que busca facilitar o acceso da poboación de núcleos rurais á adquisición e intercambio de roupa usada e outros servizos relacionados co coidado persoal, como produtos de cosmética natural.
Catro accésits
Nestes premios destacan as propostas da comunidade universitaria, como amosa o feito de que catro estudantes fosen recoñecidos cos catro accésits.
Na categoría de educación, innovación social e xestión pública, a alumna do Doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable Verónica Sánchez, presentou Famiescolas, un proxecto dunha "rede de escolas de nais e pais". que axudase ás familias, especialmente aquelas en risco de exclusión, a crear unha contorna familiar positiva.
O accésit no apartado de medio ambiente e natureza foi para a investigadora do grupo EcoEvo, da Escola de Enxeñaría Forestal, Anaís Rivas, por SATOR: Sustainability Assesment Tool for Outdoor Races, unha ferramenta que permitirá aos organizadores de carreiras en ruta ou de trail running planificar as súas probas tendo en conta variables de sostiblidade.
Por outra banda, Verónica Farías, estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, foi recoñecida co accésit da área de artes, comunicación e creatividade por Buscar trabajo es un trabajo, a proposta dunha web de busca de emprego que mandase automaticamente a información dos inscritos e inscritas ás ofertas de traballo que se fosen publicando.
Finalmente, Lorenzo Martínez, con Soccer talent, a proposta dun 'Linkedin do deporte' do estudante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais completou o accésit na categoría de deporte, saúde e benestar.