O Concello de Pontevedra sacará a licitación nos próximos días a contratación da asistencia técnica para redactar o anteproxecto e o proxecto para liberar o tramo urbano do río Gafos. O concurso estará marcado, sen dúbida, polos prazos para poder recibir a subvención con fondos europeos lograda para a súa execución. A Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica concedeu para este plan unha axuda de 2,3 millóns de euros procedente dos fondos europeos Next Generation.
Desta forma, a memoria técnica para esta licitación recolle que, dado o axustado do cronograma establecido polos condicionantes da subvención, en cinco meses deberá estar todo listo.
O Goberno local decidiu descartar a idea inicial de convocar un concurso de ideas e finalmente o contrato ten dúas fases. A primeira será a redacción de anteproxecto, á vista dos condicionantes previos, e selección da proposta máis favorable segundo criterios técnicos, económicos e ambientais. A segunda será a redacción do proxecto de execución.
Así, a empresa que acabe executando esta asistencia técnica terá dous meses e medio para a entrega do estudo de alternativas e outros dous meses e medio para o proxecto de execución.
Este proxecto non pretende "unha utópica e practicamente inviable volta ao estado natural previo do río", senón unha renaturalización do mesmo que, polo menos, lle devolva certas funcións e certa dinámica propia dos ríos en estado máis natural, menos antropizados.
Busca, entre outras cuestións, poñer en contacto directo o caudal de auga coa atmosfera e coa luz solar; recuperar a biodiversidade propia do río; poñer en contacto directo o caudal de auga co leito natural do leito; na medida do posible, o acceso cómodo e directo ao curso de auga para as persoas; permeabilizar a mobilidade peonil entre ambas as beiras; a mellora e ampliación da vexetación de ribeira característica desta zona bioclimática; ou estudar a posibilidade de aterrazar as marxes do leito nas zonas onde sexa posible.
As empresas que queiran optar a esta asistencia técnica deberán presentar un equipo multidisciplinar dirixido por un enxeñeiro ou enxeñeira de camiños, canles e portos, con polo menos 20 anos de experiencia e con traballos en proxectos e dirección de obras hidráulicas. O equipo debe contar con arquitecto con 15 anos de experiencia, con traballos no ámbito do paisaxismo e un especialista en ecoloxía, bioloxía ou medio ambiente con 15 anos de experiencia, e traballo en proxectos de rexeneración fluvial e de recuperación morfolóxica.
Este contrato ten como finalidade a redacción do proxecto de execución que inclúa todas as determinacións e toda a documentación precisas para proceder á posterior licitación das obras de renaturalización do tramo urbano e soterrado do río Gafos.
Desta forma, nesta asistencia técnica deberá redactarse un proxecto completo e determinado, listo para ser licitado, salvo as posibles autorizacións sectoriais que se puidesen necesitar e que deberán quedar definidas no documento para proceder á súa solicitude.
Na primeira fase, do estudo de alternativas, as alternativas para propoñer serán: unha alternativa 0, coincidente coa situación actual sen execución de obras, e outras tres alternativas diferentes cun estudo técnico, económico, ambiental e socio-cultural-etnográfico (pola existencia de antigas leiras de labor e muíños, o cruceiro de san José, así como a proximidade do Pazo de Campolongo, como se pode deducir do estudo da cartografía de 1943). O estudo detallará as mellores solucións ao problema exposto.
Na segunda fase, o proxecto detallará as obras e estruturas precisas para a contención de noiros e protección fronte a erosión, así como as pontes ou pasarelas que se consideren necesarios, considerando as posibles afeccións tanto ao tráfico rodado como peonil, especialmente nos accesos a centro escolares e parques infantís.
O orzamento estimado para a redacción destes traballos (estudo de alternativas e proxecto de execución) non poderá exceder de 89.773,42 euros máis IVE.
UNHA MIRADA AOS 70
Este proxecto de recuperación e restauración ecolóxica do tramo urbano soterrado do Gafos e a súa contorna supoñerá reverter unha situación que se remonta aos anos 70. Ata comezos desa década, o río discorría polo actual barrio de Campolongo cunha configuración bastante natural. A zona era moi diferente, pois non existía ningún dos edificios actuais nin tampouco os colexios, a igrexa ou os edificios públicos, tan só os muíños e o chamado Pazo de Campolongo. Pero aí púxose en marcha o denominado 'Polígono de Campolongo', no que o Ministerio de Vivenda procedeu á canalización e cubrición do río.
A memoria técnica do proxecto que agora ultima o Concello para sacar a licitación a asistencia técnica recolle que esa actuación dos anos 70 foi "profundamente desafortunada cos estándares ambientais actuais" e agora preténdese "reverter, na medida do posible, con esta actuación".
Esta canalización e cubrición do leito do río estendeuse ao longo dun tramo duns 535 metros, entre as actuais rúas Alcalde Hevia e Xeral Rubín, que marcan o inicio e o final deste tramo canalizado e cuberto. Aínda que a parte do río canalizada podería entenderse que abarca máis ámbito que este tramo, o obxecto de estudo será exclusivamente o tramo cuberto.
Antes de contratar esta asistencia técnica, o Concello encargou un estudo geotécnico que detectou cambios como a desaparición da denominada popularmente como 'illa', unha illa delimitada polo leito principal e por un brazo de río que seguía recto que ten un "valor nostálxico" para as xeracións que décadas atrás xogaban alí ao fútbol cando o río ía baixo de caudal.
O documento sobre o que traballa o Concello recolle que, coa intervención de canalización e soterramento, a dinámica natural do río "está absolutamente pervertida" e, tratándose como se trata, dun medio netamente urbano, a recuperación sen ningún tipo de protección dos bordos do leito "antóllase como unha empresa de alta dificultade".