Para o PP, o Goberno de Pedro Sánchez "esqueceuse" de Pontevedra e só se acordan da cidade para "poñer en perigo" os 800 postos de traballo directos e indirectos que xera a empresa pasteira Ence na comarca.
Así o sinalou o portavoz do PP pontevedrés, Rafa Domínguez, que compareceu en rolda de prensa acompañando a María Ramallo e Pilar Rojo, candidatas ao Congreso e ao Senado nas próximas eleccións xerais do 10 de novembro.
Os populares denunciaron que hai "proxectos crave" dos que "non se sabe nada" como a reforma do nó de Bombeiros, que tiñan unha previsión de investimento de sete millóns de euros en 2018 e 2019 e que, desde que goberna o PSOE, "non se moveu nin unha pedra".
O PP tamén fixo referencia á A-57, infraestrutura sobre a que hai unha "absoluta indefinición" porque a estas alturas "hai un tramo en obras, outro o que non se sabe nada e un terceiro que non se sabe por onde vai ir".
"Non podemos ter ningunha confianza no PSOE. Pontevedra está esquecida e está a pagar que a esquerda non se poña de acordo para gobernar", lamentaron os dirixentes do PP, que suman a esta situación o paseo peonil a Marín.
María Ramallo criticou a "política adolescente" de Pedro Sánchez pola súa falta de concreción fronte á "sensatez e seriedade" dos políticos populares e, sobre os proxectos paralizados, afirmou que en ano e medio o executivo de Sánchez "non resolveu ningunha cuestión das que están encima da mesa".