Os "polis tolos" difundirán na cidade a nova ordenanza de mobilidade

Pontevedra
05 de novembro 2020

Esta iniciativa, que forma parte da campaña Pontevedra SUMA, ten por obxecto difundir entre os cidadáns o xeito no que deben circular polos espazos públicos do municipio. Neste traballo colaborarán tamén os establecementos dedicados ás bicicletas

Xuntanza coas tendas de bicicletas pola ordenanza de mobilidade Concello de Pontevedra

Un grupo de "polis tolos", a aposta teatral da compañía Troula, serán os encargados de repartir polo centro histórico de Pontevedra o tríptico no que o Concello condensa as principais medidas que se introduciron na nova ordenanza de mobilidade.

Este espectáculo percorrerá as rúas da cidade este venres 6 de novembro, entre as cinco e media e as sete e media da tarde.

En total, están previsto un total de dez repartos por todo o ámbito da cidade, dende os barrios da Parda, Monte Porreiro e O Burgo a todo o centro urbano nos que se entregarán ademais dun folleto no que se resume de maneira clara e sinxela os aspectos xerais da normativa, diverso merchandising da campaña como mochilas, brazaletes, globos ou tatuaxes.

Esta iniciativa, que forma parte da campaña Pontevedra SUMA, ten por obxecto difundir entre os cidadáns o xeito no que deben circular polos espazos públicos do municipio.

Neste traballo colaborarán tamén os establecementos dedicados ás bicicletas, que este xoves reuníronse co concelleiro de Mobilidade, o director xeral de Mobilidade e o xefe da Policía Local para coñecer os detalles da nova ordenanza.

O obxectivo é que sirvan de altofalantes para que os seus clientes e usuarios estean informados da normativa vixente. 

Nas vindeiras semanas están programadas outras xornadas de formación dirixidas ás autoescolas (10 de novembro) e ao colectivo de skaters (o 24 de novembro).