A praza da Peregrina acolleu este xoves unha concentración de pensionistas convocada pola CIG para reclamar unha serie de dereitos para este colectivo en Galicia que leva anos queixándose non só pola baixa cantidade que perciben, tamén por uns servizos que consideran imprescindibles como residencias ou centros de día públicos.
"Reivindicamos pensións dignas para Galicia para tener unha vellez máis digna, que sean públicas e estén garantidas, que non se modifiquen cada pouco. Ademais son as máis baixas do Estado", expón Vitoria Fernández, portavoz dun colectivo que esixe que todas as pensións se equiparen co salario mínimo interprofesional, que suban co IPC e que non se teña en conta os anos cotizados para poder acceder a elas.
Neste sentido, alertan tamén da discriminación que padecen as mulleres galegas á hora de cobrar a súa pensión. "As mulleres traballamos moitas horas ao día e moitas teñen unhas pensións moi baixas", denuncian.
Non só se concentran por mellorar o sistema de pensións. Os xubilados reclaman tamén servizos públicos de calidade en residencias, en atención no fogar, en recoñecementos de discapacidade ou nos centros de día."Teñen que ser todos públicos, porque xa vemos agora que os privados non funcionan", sosteñen.