As praias de Pateiro e A Barcela, no concello do Grove, e varios areais da Illa de Arousa rexistraron a presenza de pellets de plásticos.
Estas localidades arousás súmanse á longa lista de municipios damnificados por estes plásticos contaminantes, procedentes supostamente da perda a comezos de decembro fronte á costa portuguesa de parte da carga do barco Toucan Maritime, pertencente a unha empresa de Países Baixos.
Concretamente o barco perdeu seis contedores á altura de Viana do Castelo e un deses contedores, da empresa química Bedeko Europe, contiña miles de sacos, de 15 quilos cada un, cheos de pequenas bólas de plástico brancas, denominadas pellets.
Ecoloxistas en Acción anunciou que se querellará, nos xulgados de Noia, contra a empresa propietaria do navío por un suposto "delito contra ou ambiente e os recursos naturais".
A Xunta de Galicia activou un plan de continxencia por contaminación mariña accidental e comprometeu reforzos aos concellos máis afectados con cuadrillas da empresa pública estatal Tragsa.
A Consellería do Mar enviou unha carta a concellos afectados na que se sinala aos concellos como competentes para a limpeza de praias: "Conscientes das competencias que ten a administración local na limpeza dos areais, queremos facervos chegar o protocolo de actuación".
Para acturar "de forma centralizada desde a Xunta" e "facer chegar esa información á empresa armadora do buque, responsable legal" desde a administración autonómica piden aos concellos que identifiquen as zonas de vertedura, cuantifiquen os danos, que faga fotos para documentar o dano causado, tamén que liste os medios "materiais e humanos empregados para as medidas realizadas" e que achegue unha "xustificación de gastos con facturas, certificados de horas de traballo" e "custos laborais", entre outros.
Os conselleiros do Mar, Alfonso Villares, e de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, reclamaron ao Goberno central máis información sobre o asunto.
En Arousa, o socialista Luis Arousa, alcalde da Illa, criticou esta reacción da Xunta porque deixa a resposta a este grave problema en mans dos concellos xa que "non achega medios" para estes traballos que "ao final, será como pasa sempre, que terán que empregarse medios das confrarías ou do marisqueo" porque o Goberno galego deriva "todo enriba dous concellos".
Trátase, segundo resumiu dun "límpao ti, que, se iso, xa pagará a empresa. Pero, con que medios limpamos os concellos?". "Rinse de nós", dixo o alcalde da Illa.