Os panadeiros, outra profesión esencial con perdas económicas desde o inicio do confinamento

Pontevedra
15 de maio 2020

O sector panadeiro da provincia repercutiu unha baixada da facturación que oscila entre o 50 e o 70%. Este sábado 16 de maio non poderán festexar a onomástica do seu patrón

O sector panadeiro foi un dos sectores considerados esenciais durante o confinamento Mónica Patxot

Durante as semanas de confinamento, ir comprar o pan, foi unha das escasas excepcións para saír de casa. Pola súa banda, os panadeiros foron un dos colectivos profesionais considerados esenciais que si continuaron coa súa actividade diaria. A pesar diso, este sector non é alleo aos prexuízos económicos da pandemia xerada pola COVID-19.

Este próximo sábado 16 de maio, o calendario sinala a onomástica de San Honorato, patrón dos panadeiros. Desde Aproinppa, a Asociación Provincial de Panadeiros e Pasteleiros, sinalan que "habitualmente facemos unha comida de confraternidade, pero este ano tivemos que suspendela".

Dani Pampín, panadeiro, pontevedrés e vogal da asociación, pon os datos que deixa a situación dos dous últimos meses entre o sector na provincia de Pontevedra: unha baixada nas facturacións que oscila entre o 50 e o 70%. "Nesta situación véndese menos pan ao cliente particular e á hostalería e restauración loxicamente, cero. Así que economicamente notouse moitísimo".

Facer pan na casa foi unha das actividades estrela do confinamento. Boa constancia diso ten Dani Pampín que desde as redes sociais de Amásame Bakery Lab estivo dando reflexo á inxente cantidade de consultas que lle facían chegar. "Encantoume que a xente se puxese a facer pan en casa porque así se dan conta da realidade. Do pan que se está vendendo. Que o pan ten o seu proceso, que cantas máis horas de fermentación ten, mellor é".

"Chamábanos moita xente dicindo, oe Dani que estou a facer pan en casa e estanos sentando mal. Claro, estaban a exceder moitísimo as cantidades de fermento; porque internet pode ser moi perigoso tamén para isto. Moitas persoas déronse conta que canto máis tempo de fermentación, mellor pan temos e séntanos mellor. Así que, neste confinamento as persoas déronse conta o que custa o noso traballo e empezaron a valorarnos máis".

Co inicio da desescalada "claro que notamos máis xente, sobre todo as fins de semana". Por agora e por prudencia e seguridade para todos, están a vender os seus produtos "por xanela" sen abrir o establecemento ao resto de servizos que ofrecían habitualmente.