Os Palleiros suspende as adopcións polo Nadal porque "os cans non son agasallos"

Pontevedra
16 de decembro 2022

O 2022 péchase no refuxio de Pontevedra con máis animais, un total de 92, e menos adopcións que no ano anterior

Cans en adopción no refuxio dos Palleiros Os Palleiros

Como é habitual, a protectora Os Palleiros suspende as adopcións de cans durante as datas do Nadal. "Paramos as adopcións nesta época porque os cans non son agasallos e veñen moitas persoas dicindo que quere un can para regalar. En ningunha época do ano damos cans para regalar, pero en Nadal paralizámolas para que non haxa problemas. É unha decisión que se tomou hai anos, pero aínda hai xente que non a entende. Normalmente enténdeno e veñen despois de Nadal sen problema ningún", explica a presidenta do colectivo, Gloria Cubas.

O ano 2022 non foi nada positivo en canto a adopcións en comparación co ano anterior. "Temos 92 cans no refuxio, o ano pasado tiñamos 70", puntualiza a voluntaria, quen matiza que o nivel de ocupación subiu, mentres que as adopcións reducíronse con respecto ao ano 2021.

Recoñece Cubas que o interese da poboación por adoptar un can segue sendo elevado e as visitas ao refuxio, habituais. Con todo, desde Os Palleiros endureceron os requisitos para aprobar unha adopción porque "os cans non son xoguetes". Detalla a presidenta do colectivo que "ás veces temos que ir aos sitios para ver onde vai estar o can e se non nos convence, non se vai. De feito, este martes viñeron tres persoas e as tres fóronse cun non rotundo", sinala.

O resumo de entradas e saídas de cans no refuxio este ano recolle a entrada de 48 animais e a saída de 42 no primeiro trimestre do ano 2022, que se pechou con 70 cans baixo a tutela da protectora. No segundo trimestre, entraron 44 e saíron 25, o que deixou un saldo de 83 cans. No terceiro trimestre, o total reduciuse a 75 tras a saída de 44 cans e a entrada de 41. E na parte final do ano entraron 33 cans e foron adoptados 13, co que seguen residindo nas instalacións de Campañó 92 cans. Ademais, outros 13 están en réxime de acollida porque os seus problemas de saúde obrígaos a recibir atencións constantes.