Os orzamentos galegos, "incomparables" para a Xunta e "insuficientes" para o Concello

Pontevedra
21 de outubro 2021

As contas autonómicas para 2022, como é habitual, xeraron reaccións diversas entre as diferentes administracións e sensibilidades políticas. Mentres que a Xunta defende que son "incomparables" para Pontevedra, o Concello veos "insuficientes"

Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías Mónica Patxot

As contas autonómicas para 2022, como é habitual, xeraron reaccións diversas entre as diferentes administracións e sensibilidades políticas. Mentres que a Xunta defende que son "incomparables" para Pontevedra, o Concello veos "insuficientes".

O goberno galego, a través do seu delegado territorial en Pontevedra, destacou que estes orzamentos supoñerán un investimento inicial na cidade duns 77 millóns de euros, o que supón unha media de 926,30 euros por habitante.

"A Xunta é a administración que máis inviste, de longo, en Pontevedra. Non resiste comparación ningunha coas demais administracións", sinalou Luís López, que augurou que esta cantidade aumentará con " novos proxectos" ao longo do próximo ano.

Así, ademais dos 50 millóns que se destinarán ao Gran Montecelo e ao saneamento da ría, o delegado destacou proxectos como as reforma do IES Luís Seoane (544.000 euros) e do IES Valle Inclán (1,8 millóns), a residencia de Campolongo (2,6 millóns), o centro de menores Avelino Montero (663.000 euros) ou o albergue de peregrinos (430.000 euros).

Ademais, haberá diñeiro para terminar a estación intermodal (1,42 millóns), a variante de Alba (500.000 euros) ou a humanización da PO-546 en Estribela (950.000 euros).

Luís López tamén concretou os investimentos para a comarca de Pontevedra, destacando os máis de 7 millóns de euros para Marín, os case 4 millóns para A Lama, os 2,7 millóns para Poio, os 2,6 millóns para Bueu ou máis dun millón para Cerdedo-Cotobade ou Vilaboa.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou con todo que estes orzamentos da Xunta para 2022 son "claramente insuficientes" para cubrir as demandas que ten a cidade e proxectos "que en teoría" estaban comprometidos.

Fernández Lores considera que "non é de recibo" que o investimento en Montecelo "tape absolutamente todo" e bota en falta, entre outras cuestións, a reforma de estradas autonómicas que pasan por Pontevedra ou a dragaxe do Lérez, un asunto que " xa cheira".

Tras lamentar a falta de apoio á recuperación de Santa Clara ou ao Museo de Pontevedra, o rexedor tamén censurou a "escusa" da Xunta de Galicia para non impulsar a "imprescindible" variante de Alba. Lembrou que "un grupo de veciños" tamén se opón ao novo vial de acceso a Montecelo "e todos coincidimos en que hai que facela". 

Tino Fernández, pola súa banda, cre que estes orzamentos son "pouco cribles" porque se limitan a "poñer cantidades nun papel para dar satisfacción a algúns crédulos que quedan por aí". Deberían recoller, dixo, o dobre de investimento para "corrixir o abandono" á cidade.

O líder socialista lamenta que só se recollan "obras pactadas" con anterioridade con cantidades que "dificilmente" van poder executar en 2022. "Olvidan", engadiu, proxectos como a reforma da PO-531 ou a mellora de colexios públicos.

Ademais, Fernández afirma que mentres que o PP municipal trata de "vampirizar" as protestas veciñais en Monte Porreiro, a Xunta non destina "nin un só can" para acometer as actuacións previstas no seu día para humanizar o barrio.

"Estamos acostumados a que a Xunta nos venda motos e ilusións que só duran o tempo que se tarda en aprobar un orzamento", sentenciou.