Os novos paneis informativos darán datos sobre os aparcamentos disuasorios durante a campaña de Nadal

Pontevedra
16 de decembro 2022

A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, presentou este venres o plan de mobilidade e tráfico para as festas

Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade e Protección Cidadá Concello de Pontevedra

A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, explicou este venres o plan de tráfico e mobilidade do Nadal para a cidade de Pontevedra, que por primeira vez contará con paneis informativos nas entradas á cidade para dar datos sobre o estado do tráfico e as ocupacións dos aparcamentos disuasorios.

O operativo deste ano mantén o mesmo esquema que en anos anteriores. "A idea é garantir a comodidade das persoas que veñen á cidade e xestionar o tráfico para que este sexa fluído tanto na entrada como na saída", indicou Eva Vilaverde.

Un dos consellos principais que adiantou a edil foi o de non acudir ao centro da cidade en vehículo motorizado de non ser un asunto de necesidade ao longo destas datas e que a xente faga uso dos aparcadoiros disuasorios ou dos aparcadoiros soterrados para logo continuar a pé. 

O plan de tráfico está sustentado en tres alicerces fundamentais. O primeiro é a a información, coa novidade este ano do uso das novas pantallas LED situadas nas entradas da cidade e que amosarán diversos datos sobre o tráfico e as recomendacións máis relevantes para a cidade. A Policía Local empregará sinalización para indicar os cambios e as recomendacións que sexan necesarias. Se nada disto funciona levaranse a cabo desvios do tráfico, que sempre serán excepcionais.

"Coma sempre haberá unha serie de zonas sensíbeis, o que nos leva a dividir a cidade en tres aneis", explicou Vilavede. Pontevedra durante estas datas estará dividida en tres seccións de tráfico. O centro da cidade, o anel primario e o anel secundario. 

A idea do uso deste tipo de sistema é que se unha zona ten problemas na fluidez do tráfico, este será derivado cara ao seguinte anel para desfacer as conxestións e permitir aos condutores estar en movemento cara ao seu destino.

Desde a área de Seguridade e Protección Cidadá estiman que as xornadas máis intensas serán a que transcorrerán entre o 26 e o 1 de xaneiro. Habería, tamén, que sumar o 5 de xaneiro, no que coinciden as compras de Reis coa Cabalgata. "Son os días nos que a Policía Local estará máis pendiente", finalizou a edil.