Os nenos inauguran este domingo 7 o entroido de Sanxenxo

Sanxenxo
04 de febreiro 2016

O desfile e concurso infantil de disfraces arrincará esta edición do entroido no municipio sanxenxino, que concluirá o venres 12. Ata o domingo 7 non se determinará se se apraza polo mal tempo que se prevé

Concurso infantil de disfraces en Sanxenxo Diego Torrado

As choivas tamén se apuntan este ano ao entroido na provincia. A pesar diso o Concello de Sanxenxo anuncia que non decidirá ata a xornada do domingo 7 se as condicións meteorolóxicas obrigarán a aprazar o desfile e concurso infantil co que se abrirá o entroido. 

Se finalmente se mantén nesa xornada dominical, sairá ás 17.00 horas desde a Avenida Luís Rocafort, seguindo pola Avenida de Silgar, Avenida do Porto e Praza dos Barcos. As inscricións estarán abertas ata o mesmo día da convocatoria, ben no Pazo Emilia Pardo Bazán ou no Club de Xubilados de Sanxenxo o propio domingo. 

Serán un total de 1.300 euros en premios os que se repartan. En categoría individual entregaranse 90, 60 e 30 euros. En parellas 100, 70 e 40 euros. Os grupos entre tres e dez integrantes repartiranse 150, 120 e 90 euros. Aos grupos de máis de dez membros destínanse 300, 150 e 100 euros.

O xurado pode declarar deserta algunha das categorías ou fixar un único premio se non se chega a un mínimo de seis participantes en cada unha delas.

E mentres chega o domingo, os alumnos das Escolas Municipais Infantís xa están a celebrar esta semana o entroido con diversas propostas.

Arquivado en