Os municipios da comarca con ata 10.000 habitantes deixarán de ter restricións horarias

Ponte Caldelas
17 de maio 2020

O Goberno decidiu equiparar as localidades de 10.000 habitantes coas de 5.000, o que afectará directamente a municipios da comarca como Ponte Caldelas, Ribadumia, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa e Meaño

Centro urbano de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas, Ribadumia, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade e Meaño deixarán nos próximos días de ter restricións horarias nas saídas de nenos, adultos e deportistas.

Son os municipios da comarca aos que lles afectará positivamente a decisión do Goberno de equiparar as localidades de 10.000 habitantes coas de 5.000, onde se podían realizar as actividades permitidas a calquera hora do día.

Esta medida foi comunicada polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, aos presidentes autonómicos na reunión telemática mantida este domingo, e confirmada despois na comparecencia da portavoz do Goberno, a ministra María Jesús Montero.

Neste sentido, na súa comparecencia diaria o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, mostrouse tamén partidario a flexibilizar as medidas nos municipios deste tamaño porque "la evolución de la epidemia es positiva" e "han sido en general menos afectados por la epidemia que las grandes ciudades".

Desta forma Ponte Caldelas, Ribadumia, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa e Meaño uniranse nos próximos días, en canto se publique a normativa, aos municipios da comarca que xa non estaban suxeitos a restricións por contar con menos de 5.000 habitantes, como son Cuntis, Barro, Moraña, Campo Lameiro, A Illa, A Lama, Meis e Portas.

Ao ser preguntado por esta medida tras o encontro telemático de dirixentes autonómicos, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que o criterio da administración galega é o de "núcleos de  poboación de menos de 10.000 habitantes, esa é a nosa proposta", que no caso de aprobarse supoñería relaxar as medidas en máis lugares de toda a xeografía autonómica.

Por outra banda o Goberno Central tamén anunciou a súa intención de regular nos próximos días o uso de máscaras nos lugares públicos.