Os militares da Brilat, os do Exército de Terra con mellor condición física por terceiro ano consecutivo

Pontevedra
24 de decembro 2023

A Brilat conseguiu o primeiro posto do Trofeo GEJEME, creado no ano 2010 co fin de mellorar e fomentar a participación das unidades en deportes de interese militares (tiro con arma curta e arma longa, Instrución Físico Operativa -IFO-, concurso de patrullas e patrullas de tiro, campo a través, pentatlón militar e carreira de orientación)  

O xeneral da Brilat recibe o Trofeo GEJEME BRILAT OC

A Brigada Galicia VII, Brilat, é, por terceiro ano consecutivo, a unidade do Exército de Terra que obtén os mellores resultados no Test Xeral da Condición Física (TGCF).

No ámbito militar, o TGCF ten carácter anual e inclúe unha serie probas que se realizan para medir e valorar as calidades físicas de todos os compoñentes do Exército de Terra nas capacidades de forza, resistencia e velocidade.

A medición e valoración destas calidades informa do estado físico do persoal e o feito de que a Brilat conseguise o primeiro premio durante tres anos seguidos constitúe todo un éxito para a Brigada.

Desde a propia Brilat destacan que este recoñecemento "pon en valor o bo traballo realizado polos homes e mulleres da Brigada" para consolidar a práctica físico-deportiva como unha faceta máis da preparación e, para todos os efectos, un acto máis do servizo.

Ademais, a Brilat conseguiu o primeiro posto na 13 edición do Trofeo GEJEME, creado no ano 2010 co fin de mellorar e fomentar a participación das unidades en deportes de interese militares (tiro con arma curta e arma longa, Instrución Físico Operativa -IFO-, concurso de patrullas e patrullas de tiro, campo a través, pentatlón militar e carreira de orientación).

Este trofeo impulsa, entre todos os participantes, o espírito de Unidade e a práctica e desenvolvemento de virtudes propias da profesión militar, como o compañeirismo, afán de superación, espírito de sacrificio, constancia e vontade de vencer.

O xeneral de brigada Alfonso Pardo de Santayana Galbis, xefe da Brilat, recolleu o galardón do Trofeo GEJEME de mans do xeneral de exército Amador Enseñat y Berea, Xefe de Estado Maior do Exército, nun sinxelo acto celebrado no Palacio de Buenavista, sede do Cuartel Xeral do Exército de Terra. Entregouse no marco da audiencia anual a persoas e unidades destacadas no ámbito da preparación física militar.