Tras un longo período de espera, Sanidade tomou unha decisión sobre a vacina pendente aos menores de 60 anos, persoal de servizos esenciais, que recibiran a primeira dose de AstraZeneca, que xa non se inxecta por recomendación sanitaria nesta franxa de idade.
A comisión de Saúde Pública, na que se atopan representadas as comunidades autónomas, acordou que todas estas persoas completen a súa pauta de inmunización cunha dose de Pfizer, segundo transcendeu tras este encontro.
Esta decisión adoptouse tras coñecer os resultados do estudo realizado en España e que conclúe que dar unha segunda dose de Pfizer a quen recibiu xa AstraZeneca é "altamente" seguro e eficaz e que mesmo pode chegar a xerar máis anticorpos.
Ademais, entre os suxeitos que participaron no estudo, non se atoparon efectos adversos na combinación de ambas as vacinas. O máis habitual foron leves dores de cabeza.
España segue así o paso doutros países como Francia, Alemaña, Portugal, Suecia ou Finlandia, que tamén optaron por esta pauta mixta tras suspender a administración de AstraZeneca.
A pesar diso, ante a presión de varias comunidades -entre elas Galicia- que insisten en completar a pauta de vacinación destas persoas cunha segunda dose de AstraZeneca, Sanidade estudará a posibilidade de que esta medida sexa voluntaria.
É dicir, aqueles que non queiran recibir a segunda dose de Pfizer que poidan elixir vacinarse co soro anglosueco. Por agora, en todo caso, aínda non será posible.
Sanidade calcula que máis dun millón e medio de persoas, que se vacinaron entre os meses de febreiro e abril, estaban pendentes desta decisión para completar a súa inmunización.