Nin a chuvia que caeu con forza durante toda a mañá impediu que os membros de Intermodes, que visitan estes días Pontevedra para coñecer o seu modelo de cidade, tomasen contacto coa realidade que premiaron hai ano e medio. "Pontevedra é fantástica, o seu modelo é único en Europa", sinalaba a presidenta desta axencia especializada en asuntos de transporte e mobilidade, Natalie Leclerc, nada máis comezar a xornada.
Foi durante a inauguración das xornadas técnicas que se celebraron este xoves na Casa das Campas, un ciclo de conferencias nos que diferentes expertos explicaron aos asistentes o proceso de transformación de Pontevedra nos últimos anos. Todos eles destacaron a aposta por unha cidade pensada para os peóns, unha cidade "que non ten nada que ver coa que teriades visto hai 15 ou 16 anos", destacou o alcalde.
As charlas correron a cargo do enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas, que explicou como era a mobilidade na cidade nos anos 90; de César Mosquera, concelleiro de Ordenación do Territorio; que deu datos sobre a redución do tráfico na cidade; do intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, que explicou o proxecto dos camiños escolares; ou do xefe do departamento de Comunicación do Concello, Antón Prieto; creador do Metrominuto.
Miguel Anxo Fernández Lores, que exerceu de anfitrión, sinalou que este goberno municipal logrou transformar a Pontevedra nunha cidade "amigable e segura", onde as persoas "son o máis importante" e na que "teñen preferencia absoluta" en todos os espazos públicos. Se ben recoñeceu que "non inventamos nada", senón que tan só fixo falta "vontade política e valentía para executalo".
Neste sentido, o alcalde subliñou o traballo realizado todo este ano por un equipo técnico e político "moi competente", así como tamén a "colaboración exquisita" da cidadanía de Pontevedra, especialmente daqueles "que queren á cidade e deféndena por riba de todo".
Pola súa banda, Natalie Leclerc sinalou que a primeira impresión que se levaron de Pontevedra é que é unha cidade "principalmente peonil e moi accesible" e destacou que a súa organización se interesou nela dende hai anos pola súa "pioneira" organización urbanística. Explicou que "non hai carencias" destacables en materia de mobilidade e gabou o gran traballo realizado para que os cidadáns "non necesiten maiores desprazamentos".
VISITAS POLA CIDADE
Ademais das sesións teóricas, os membros de Intermodes percorreron gran parte do centro da cidade. Partiron da Casa das Campás e pasaron por Praza de España, Michelena, a Praza da Peregrina, Benito Corbal, Daniel de la Sota ou Castelao, entre outras. Posteriormente acudiron ao colexio de Campolongo para revisar o funcionamento do proxecto de Camiños Escolares.
En todo momento exerceu de guía o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle. O mesmo aconteceu na visita prevista para a tarde, na que sen apenas chuvia puideron pasear por parte do centro histórico, acudir ás estacións de autobús e ferrocarril ou as inmediacións do paseo fluvial do río dos Gafos. Este venres, antes de visitar diferentes puntos da provincia, terán un último contacto coa cidade.
Ademais dos directivos desta axencia, a comitiva estaba integrada tamén por un grupo de xornalistas, principalmente franceses, pertencentes a publicacións especializadas en transporte, mobilidade ou turismo. Entre eles, había representantes de Bus & Car, Marie Claire, Le Telegramme, Correspondance Magazine, Drivelemag.tv, Circuler autrement, La lettre du cadre territorial, Acteurs Urbains, Transport Public e We demain.