Os maiores queren unha atención máis personalizada na área sanitaria

Pontevedra
12 de xuño 2024

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG concentrábase este mércores diante do Hospital Provincial para denunciar a situación de vulnerabilidade en que se atopan as persoas maiores á hora de solicitar citas e nos tempos de espera para ser atendidas tanto en consultas como para intervencións cirúrxicas na sanidade pública

Os maiores demandan atención personalizada na atención sanitaria Mónica Patxot

"Que metan a Rueda nas listas de espera", cantaba un grupo de persoas este mediodía diante da entrada do Hospital Provincial nunha concentración na que reclamaban unha sanidade pública de calidade.

Convocados polo Colectivo de Xubilados e Pensionistas da CIG, estas persoas reivindicaban os seus dereitos como pacientes de idade avanzada na atención sanitaria.

Xosé Lois Portabales Magariños, portavoz do colectivo, afirmaba que as persoas de idade avanzada atópanse nunha situación de vulnerabilidade en cuestións como a solicitude de citas en Atención Primaria.

"Hai que entrar por Internet e estamos un pouco desfasados. Por teléfono, moitas veces faise por recoñecemento de voz e a xente non o entende", afirmaba Portabales para reclamar un trato máis personalizado como o que existía anos atrás. 

"Unha persoa maior por internet é imposible a non ser que llo faga un fillo ou un neto. E se non hai fillo ou neto, ten que acudir a un veciño? Vas a un centro de saúde e din que pidas cita por internet e unha persoa maior non sabe entrar", explica o representante sindical.

Manifestan tamén as súas queixas polo tempo de espera tanto para as citas de atención primaria como para as consultas con especialistas ou para intervencións cirúrxicas. "Unha persoa maior ten que esperar quince días por unha cita co médico de cabeceira", explica sinalando que unha persoa nova igual pode esperar pero unha persoa maior presenta máis riscos de saúde.

En relación cos especialistas lembra que antes a cita era xestionada directamente polo médico de familia: "agora non. Agora estás agardando seis meses ou un ano", explica Xosé Lois Portabales, "agora chama por teléfono e avisan con quince días de antelación á cita, así din que non hai lista de espera, pero non é certo".

Sinalan que con idades avanzadas o atraso na atención sanitaria pode causar perda de mobilidade ou nas capacidades de determinados sentidos coa posibilidade de sufrir problemas cognitivos ou funcionais.

Anuncian que realizarán unha protesta en Santiago de Compostela a través da CIG para tentar forzar encontros coas autoridades sanitarias para que recoñezan os dereitos das persoas maiores na sanidade pública.