Os maiores de Moraña poderán continuar co exercicio físico e psicosocial nos seus domicilios

Umia
07 de maio 2020

O Concello realizará un  buzoneo para informar os usuarios da reorganización dos talleres ante a imposibilidade do seu seguimento presencial

Casa consistorial do Concello de Moraña Concello de Moraña

O Concello de Moraña vai realizar un buzoneo para informar os veciños maiores de 60 anos sobre o novo servizo extraordinario que pon en marcha para que esta poboación do municipio poida continuar cos talleres de actividades físicas e psicosociais que ofertaba, ou que se incorporen ás mesmas quen así queiran facelo.

Dadas as restricións ás que obriga a pandemia non é posible manter a actividade presencial; algo polo que a alcaldesa, Luisa Piñeiro, pide desculpas polas molestias que conleva e avanza que se retomarán cando a normativa permítao e sexa con todas as condicións de seguridade sanitaria necesarias.

Desta forma, recibirán nos seus domicilios uns protocolos de exercicio físico e psicosocial. Ademais, as persoas interesadas en recibir mensualmente os folletos informativos con actividades, poden solicitalo na Biblioteca Municipal chamando ao teléfono 986 552809 ou enviando un correo electrónico a biblioteca@morana.org

Ofrécese de igual forma un servizo de atención telefónica directa co monitor deportivo no teléfono 648 916 114 de forma que as persoas maiores que precisen aclarar dúbidas sobre a práctica dos exercicios físicos que se entreguen poidan chamar.