Os maiores de 15 anos comezan a participar no cribado organizado en Bueu

Bueu
15 de xaneiro 2021
Actualizado: 12:35

Esta campaña está destinada, aos 9.915 habitantes que teñen máis de quince anos de idade. As 8.167 persoas que teñen entre 15 e 70 anos serán testados mediante mostras de saliva e ás 1.748 persoas maiores de 70 anos tomaránselles mostras nasofarínxeas

Cribado en Bueu pola covid-19

Unhas dez mil persoas están chamadas a participar no cribado voluntario que de maneira preventiva organizaron as autoridades sanitarias no municipio pontevedrés de Bueu para detectar positivos asintomáticos.

Esta campaña está destinada, aos 9.915 habitantes que teñen máis de quince anos de idade. As 8.167 persoas que teñen entre 15 e 70 anos serán testados mediante mostras de saliva e ás 1.748 persoas maiores de 70 anos tomaránselles mostras nasofarínxeas.

Para poder participar neste cribado as persoas que acudan ao momento de extracción non poden ter dado positivo nos últimos tres meses nin ser persoal de residencias, entre outros criterios, como ter centro de saúde asignado en Bueu.

A doutora Rocío Pouso, coordinadora médica deste punto de cribado situado nas Lagoas, explicaba que, durante as primeiras horas deste venres, non se rexistraron incidencias e lembraba que o motivo desta intervención está na aparición de numerosos casos positivos na localidade. Con este cribado masivo, o Servizo Galego de Saúde pretende saber cal é a situación da poboación de Bueu e detectar posibles pacientes asintomáticos e persoas contaxiadas.

O horario de atención comeza ás 08.30 e remata ás 19.30 horas desde este venres 15 ata o luns 18 de xaneiro. As persoas contan cun horario de citación e, segundo Rocío Pouso, o ideal é que se acheguen á súa hora para evitar aglomeracións e preferiblemente en coche para manter as distancias. En caso de que non poidan acceder en coche, tamén se atende a persoas que se acheguen á carpa a pé. Un representante dunha familia é suficiente para recoller o material para realizar a proba e para entregalo.

14 persoas forman parte deste operativo sanitario que xa leva cinco cribados realizados en distintos puntos de Galicia. Durante esta primeira xornada, as persoas reciben a información do proceso e levan unha tubaxe e un funil para axudar a introducir a saliva de primeira hora da mañá, que debe emitirse sen lavar a boca nin beber nin comer, ademais non debe levar moco.

Ao día seguinte, entregarán a mostra e na marxe de 24 ou 48 horas recibirán o resultado da analítica que se realiza no Servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. En caso de que o resultado sexa negativo, os participantes reciben un sms no móbil e no caso de ofrecer resultado positivo, o médico de cabeceira do paciente porase en contacto para explicarlle as medidas que deberá adoptar.