A peña moteira 'Os Keimaos' celebrará este vindeiro sábado 14 de setembro unha nova edición da súa xuntanza moteira, que este ano celebra o seu décimo aniversario.
O evento celebrarase por segundo ano consecutivo en Caldas de Reis, na área recreativa de Paradivas, en colaboración co Concello.
O tenente de alcalde, Manuel Fariña, amosouse satisfeito porque Caldas volva acoller a celebración, despois do éxito de 2023. Confía en que o tempo axude e se xunte "aínda haxa máis xente que o ano pasado.
O evento comezará ás once da mañá, e media hora máis tarde darase a saída da ‘Ruta Barítima’, unha novidade deste ano, que terá dúas paradas para que as e os moteiros poidan pinchar unhas tapas, na ‘Tasca do Stop’ na parroquia de San Clemente e no ‘Novo Varadoiro’ no centro da vila, para dirixirse despois de volta á área recreativa de Paradivas.
Todas e todos os que queiran quedar a comer poderán facelo no propio recinto onde estará o ‘foodtruck’ de ‘Chill Grill’.
Xa ás 15 horas comezará a festa, amenizada polo coñecido DJ Javi Solla. Unha hora máis tarde abrirán as atraccións para adultos e cativada, e ás 17.30 sairase coas motos para facer a ruta polo Xiabre.
Ás 18 horas haberá unha pinchada-merenda de froitas para a rapazada; ás 19.30 o sorteo dunha roda; e ás 20 horas unha 'pinchada' de porco ao espeto. E a concentración rematará sobre as nove da noite.