Os informes científicos abren a porta ao regreso da flota do polbo ao caladoiro mauritano

Marín
09 de abril 2013

O informe do Comité Científico UE-Mauritania non tivo boa recepción entre os mariñeiros pontevedreses afectados polo peche do caladoiro mauritano. Este mércores reuniranse en asemblea para analizar o impacto das novidades e estudar posibles accións de protesta

Cefalopoderos no Porto de Marín

O Comité Científico UE-Mauritania abre a porta a que a flota cefalopodera galega volva faenar no caladoiro pechado dende o verán de 2012.

O secretario xeral de Pesca, Carlos Domínguez, e o director do Instituto Español de Oceanografía (IEO), Eduardo Balguerías, presidiron este martes unha reunión co sector pesqueiro implicado no acordo de pesca UE-Mauritania para expoñer os resultados da reunión do Comité Científico celebrado en Rennes (Francia) a semana pasada.

Sobre a base deste informe científico, España seguirá esixindo á Comisión Europea que aproveite todas as vías abertas polo Comité, para mellorar as condicións de pesca do Protocolo e propiciar o regreso das frotas españolas ao caladoiro.

O informe non tivo boa recepción entre os mariñeiros pontevedreses afectados polo peche do caladoiro mauritano. Este mércores foron convocados a unha asemblea ás 10.30 horas para analizar o impacto das novidades dadas a coñecer este martes e estudar posibles accións de protesta.

A información facilitada refírese tanto á flota marisqueira coma á cefalopodera. En relación con esta última, o Comité confirmou unha redución constante do esforzo, en particular dende o ano 2002, así como unha alza significativa da captura por unidade de esforzo (CPUE) dende 1995 e, en particular, en 2011 e 2012.

Ademais, a avaliación realizada polo Instituto Científico Mauritano (IMROP), conclúe que a mortalidade por pesca do stock de polbo nestes momentos, é compatible co rendemento máximo sostible, aínda que hai que ter en conta que a flota europea se encontra ausente do caladoiro.

En función dos dous elementos anteriores, considérase cunha perspectiva positiva a evolución da biomasa de polbo e a dispoñibilidade dun excedente para a captura da frota europea, tendo en conta que xa no ano 2012 se alcanzou unha situación de plena explotación do recurso.

O Comité Científico abriu a porta ao estudo dun modelo de xestión baseado en vedas espazo-temporais, elaborado polos científicos españois, que permitiría incrementar de xeito moi significativo os rendementos futuros da pesqueira.

En relación coa frota marisqueira, o Comité afirma que os recursos están subexplotados e que a nova zona de pesca, proposta por Mauritania o pasado mes de febreiro, é coherente cunha explotación sostible dos stocks.

Arquivado en