Os hostaleiros queren unha videoreunión co Concello para solicitarlle apoio ante os efectos da crise sanitaria

Pontevedra
11 de abril 2020

O sector, do que aseguran dependen 700 familias da cidade, pedirá á administración local que aplique diferentes medidas, desde a suspensión de taxas á aprobación de subvencións directas

Turistas nas terrazas Mónica Patxot

A Federación de Hostalería de Pontevedra, xunto coa Asociación de Hoteis de Pontevedra (AHP) e Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (HOEMPO), solicitou de maneira conxunta unha videoreunión ao Concello de Pontevedra.

O obxectivo do encontro é solicitar o apoio da administración local ante os efectos negativos da crise sanitaria do Covid-19.

O sector hostaleiro, do que segundo aseguran dependen máis de 700 familias na cidade, pensa demandar unha serie de apoios, empezando pola suspensión de taxas e tributos locais como o imposto derivado da colocación de terrazas, a recollida de lixo industrial, o Imposto de Bens Inmobles (IBI) ou o canon da auga.

Ademais pedirán ao goberno pontevedrés medidas de acompañamento en forma de incentivos ou subvencións directas co obxectivo de poder dispoñer de liquidez á hora de reiniciar a súa actividade.