Os hostaleiros queren apoio municipal para poñer en marcha un servizo "delivery"

Pontevedra
01 de maio 2020

A plataforma #PonteLovers celebrou este xoves unha reunión de traballo na que os hostaleiros solicitaron apoio municipal para poñer en marcha un servizo de entrega a domicilio

Xuntanza telemática da Mesa da Hostalería #PonteLovers Concello de Pontevedra

A plataforma #PonteLovers celebrou este xoves unha reunión de traballo na que os hostaleiros solicitaron apoio municipal para poñer en marcha un servizo de entrega a domicilio.

Unha decena de profesionais, pertencentes a ámbitos tan diversos como a alta cociña, a seguridade alimentaria, a restauración ou o lecer nocturno, participaron por videoconferencia nesta Mesa de Hostalería.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco acompañada de técnicos do seu departamento reuníuse con Rubén González, de El Cafetín; Ángel Sorey, da Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo); Marcos Rivas, da Sala Karma; Gonzalo Rodríguez, do Club del Café; Lourdes Rodríguez, de El Dulce de Leche; Alberto Collazo, da Piada Romagnola; David Iglesias, de Bodegas Valmiñor; Marta García, de Meigas Fóra; a bióloga Elena González, experta en seguridade alimentaria, e Raúl Facciola, da Crêperie Cre-Cottê.

A concelleira valorou positivamente este encontro que evidenciou a "incertidumbre" na que vive sector polas medidas adoptadas polo Goberno do Estado para a  desescalada.

Segundo informou a socialista Yoya Blanco os hostaleiros queren que o Concello impulse  "campañas de promoción del consumo" e "potenciar un delivery específico para la hostelería de Pontevedra" é dicir, desenvolver un servizo de repartición e entrega a domicilio dos produtos que ofrecen habitualmente nos seus establecementos. 

Os empresarios tamén propuxeron impulsar unha marca identificativa da hostalería pontevedresa e crear unha aplicación específica para o sector que permita xestionar reservas.

Na reunión tamén se expuxo a posibilidade de ampliar os horarios de apertura e modificar os veladores para que poidan ocupar máis espazo público e permitir así a distancia social entre a clientela.