Os hospitalizados por covid-19 crecen a 161, 31 na UCI, nunha xornada con 119 novos contaxios

Pontevedra
01 de febreiro 2021

Ata 119 novos contaxios de covid-19 detectáronse nas últimas 24 horas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Foi unha xornada, a deste domingo, na que os casos activos pola infección situáronse en 2.469, catorce máis que onte

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo Mónica Patxot

Ata 119 novos contaxios de covid-19 detectáronse nas últimas 24 horas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Foi unha xornada, a deste domingo, na que os casos activos pola infección situáronse en 2.469, catorce máis que onte.

O máis preocupante é que a pandemia continúa enchendo os hospitais. Os pacientes hospitalizados marcan un novo récord. Son xa 162, ao sumarse oito máis, segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde.

Na UCI de Montecelo están ingresados os pacientes máis graves da área sanitaria que, nestes momentos, ascenden a un total de 31 (un máis). 

A maior parte dos hospitalizados (131) están nas unidades de hospitalización para enfermos de covid-19. Hai 104 infectados atendidos en Montecelo. Outros once están no Hospital do Salnés e hai dezaseis no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

O resto dos que contraeron o virus, outras 2.307 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 7.834 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 102 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 112 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 142.327, 978 nas últimas horas. Delas, 106 deron positivo (10,83%). A estas probas súmanse as 54.491 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 22.420, 188 menos que o día anterior. Deles 5.934 son da área da Coruña, 2.130 da de Lugo, 2.883 da de Ourense, 2.469 da de Pontevedra, 3.798 da área de Vigo, 3.418 da de Santiago e 1.788 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 242 están en UCI, 1.210 en unidades de hospitalización e 20.968 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 73.893 persoas curadas, rexistrándose 1.775 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.423.407 probas PCR, 12.848 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar a 880 novos infectados.