Os hospitalizados por covid-19 alcanzan a trintena nunha área con 492 casos activos

Pontevedra
07 de maio 2021

Trinta. En números redondos. É a cifra dos hospitalizados por covid-19 que teñen os tres hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Os casos activos, pola súa banda, soben a 492. Son catro máis que onte. Nas últimas 24 horas, detectáronse 36 novos contaxios

Test de antíxenos nun cribado Mónica Patxot

Trinta. En números redondos. É a cifra dos hospitalizados por covid-19 que teñen os tres hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde. Os casos activos, pola súa banda, soben a 492. Son catro máis que onte.

Nas últimas 24 horas, detectáronse 36 novos contaxios.

Once dos hospitalizados con coronavirus están en sendo atendidos no Hospital do Salnés. Once máis están en Montecelo e non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

Pola súa banda, hai oito pacientes ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo. Son os mesmos que rexistraba o último balance de Sanidade.

O resto dos que contraeron o virus, outras 462 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 13.145 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 32 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 173 falecementos asociados ao virus. 

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 218.356, 838 nas últimas horas. Delas, 32 deron positivo (3,81%). A estas probas súmanse as 110.619 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.064, oito menos que o día anterior. Deles 705 son da área da Coruña, 223 da de Lugo, 272 da de Ourense, 492 da de Pontevedra, 877 da área de Vigo, 408 da de Santiago e 87 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 45 están en UCI, 152 en unidades de hospitalización e 2.867 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 117.917 persoas curadas, rexistrándose 2.393 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 2.099.117 probas PCR, 8.049 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 179 novos infectados.