Os hospitais do Salnés e Quirón xa non teñen pacientes de covid e en Montecelo só quedan nove

Pontevedra
09 de xuño 2021

O Servizo Galego de Saúde actualizou os datos da pandemia deste mércores día 9 de xuño, no que a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés segue evolucionando favorablemente cun progresivo descenso na incidencia do virus, cun total de 186 casos activos, sete menos que onte martes

Persoal sanitario cun paciente nunha cama hospitalaria Mónica Patxot

O Servizo Galego de Saúde actualizou os datos da pandemia deste mércores día 9 de xuño, no que a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés segue evolucionando favorablemente cun progresivo descenso na incidencia do virus, cun total de 186 casos activos, sete menos que onte martes.

Tamén descende o número de enfermos de covid-19 hospitalizados. Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés hai 9 pacientes con coronavirus ingresados en habitacións illadas en Pneumoloxía ou Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra xa que se eliminou a denominada "Planta Covid".

Non hai pacientes covid nin no QuirónSalud Miguel Domínguez e tampouco no Hospital do Salnés.

A Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo segue cun único paciente crítico de covid. 

Así mesmo, permanecen 176 casos de coronavirus evolucionando en domicilio cunha sintomatoloxía máis leve ou asintomáticos.

Desde o inicio do plan de continxencia activado pola pandemia curáronse 13.974 pacientes (15 máis que no día de onte) e faleceron por este virus no área sanitaria 181 pacientes.

En canto a realización de probas PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 841, que se engaden ás 240.933 xa efectuadas desde o inicio da pandemia nesta área sanitaria. 

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.679, deles 331 son da área da Coruña, 208 da de Lugo,
164 da de Ourense, 186 da de Pontevedra, 441 da área de Vigo, 253 da de Santiago e 96 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 56 en unidades de hospitalización e 1.608 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 123.495 persoas curadas, rexistrándose 2.427 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.289.653.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 2.114.534.