Os hospitais da área sanitaria volven quedar sen enfermos covid

Pontevedra
28 de outubro 2021

A única persoa que permanecía en Coidados Críticos do Hospital Montecelo xa non figura nos datos facilitados pola Consellería de Sanidade este xoves 28 de outubro. 60 persoas, as mesmas que o mércores, continúan recuperándose da enfermidade nos seus domicilios. Nas últimas horas, as 121 probas PCR realizadas na área detectaron dous novos positivos

Datos covid-19 durante este xoves 28 de outubro na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés Consellería de Sanidade

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés repite a situación vivida o 9 de xuño deste ano cando se decidía pechar a área de hospitalización de enfermos covid ao non haber pacientes ingresados no Hospital Montecelo coa infección activa en planta. Ata este mércores 27, na Unidade de Coidados Críticos deste centro hospitalario permanecía un paciente que este xoves 28 xa non figura nos datos que facilita a diario a Consellería de  Sanidade.

En todo caso, sesenta persoas atópanse afectadas pola enfermidade e recupéranse nos seus domicilios. Trátase do mesmo número de casos rexistrado hai 24 horas.

Segundo os datos que ofrece a xerencia da área, durante a última xornada realizáronse 121 probas  PCR nas que se obtivo o resultado de dous novos casos confirmados. Curáronse tres persoas máis nas últimas horas elevando a cifra a 21.239 pacientes que superaron a enfermidade desde o inicio do plan de continxencia. A cifra de falecidos mantense en 205 vítimas.

DATOS EN GALICIA

En Galicia, a situación é menos positiva que na área de Pontevedra-O Salnés ao detectarse oito casos positivos máis que na xornada do mércores establecéndose en 481 persoas con covid-19. Hai sete hospitalizacións máis elevando a cifra a 31, aos que hai que sumar catro pacientes na Unidade de Críticos, un menos que na xornada de onte.

Curáronse 179.998 persoas desde o inicio da pandemia, 29 máis nas últimas 24 horas. Non se produciron falecementos en Galicia durante as últimas horas como consecuencia da enfermidade e o número de vítimas, por tanto, mantense en 2.651 persoas.

O número de novos positivos é de 37. Trátase de 22 contaxios diarios menos respecto ao mércores 27 pero 9 casos máis en relación ao xoves da semana pasada.

Por áreas sanitarias o número de positivos é o seguinte: A Coruña-Cee: 141 (-1); Vigo: 73 (-3); Ourense: 71 (+10); Santiago-O Barbanza: 65 (+4); Pontevedra-O Salnés: 60 (-); Lugo: 40 (-1); e Ferrol: 31 (-1).