Os gobernos municipais de Bueu e Marín apoian a manifestación dos mariñeiros de Mauritania

Marín
17 de maio 2013

O responsable do sector de Mar da CIG, Xabier Aboi, indicou que o rexedor buenense, Félix Juncal, lles confirmou a presenza do Goberno local, con el á cabeza, na mobilización. No caso do Concello de Marín, todos os grupos municipais tamén se posicionaron a favor das reivindicacións dos mariñeiros e adiantaron que acudirán á protesta

Manifestación en apoio á flota cefalopodeira CIG-Mar

Os gobernos municipais de Bueu de Marín confirmáronlle aos mariñeiros da flota cefalopodeira en Mauritania o seu apoio á manifestación convocada o venres 24 de maio para reclamar un acordo entre a Unión Europea e o país africano que permita faenar aos barcos galegos. A marcha partirá da Alameda de Marín ás 20.30 horas.

O responsable do sector de Mar da CIG, Xabier Aboi, indicou que o rexedor buenense, Félix Juncal, lles confirmou a presenza do Goberno local, con el á cabeza, na mobilización. No caso do Concello de Marín, todos os grupos municipais tamén se posicionaron a favor das reivindicacións dos mariñeiros e adiantaron que acudirán á protesta.

Dende a central nacionalista explicaron que lles reclamaron aos representantes do Partido Popular e á alcaldesa de Marín, María Ramallo, que insten á Xunta de Galicia a "saír do seu letargo e a facer algo para solucionar o problema".

Neste senso, demandáronlle á primeira edil marinense que se poña en contacto coa conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, para se traslade a Bruxelas cos afectados para presionar. Segundo sosteñen, a alcaldesa tería accedido a facer a xestión, de cuxo resultado terán resposta nos vindeiros días.

Arquivado en