Os futuros científicos presumen das súas investigacións na feira de Pontenciencia

Pontevedra
05 de maio 2023

É posible predicir o voo dun avión de papel? Crecen os nenos máis no verán que no inverno? Pode ser útil construír un compás de auga? Estas son algunhas das preguntas que obtiveron resposta coas investigacións impulsadas desde os colexios de Pontevedra

Feira final de Pontenciencia Universidade de Vigo

É posible predicir o voo dun avión de papel? Crecen os nenos máis no verán que no inverno? Pode ser útil construír un compás de auga? Estas son algunhas das preguntas que obtiveron resposta coas investigacións impulsadas desde os colexios de Pontevedra.

Dezaoito centros de ensino de todo o municipio participan estes días na décima edición da Feira da Miniciencia, o evento final de Pontenciencia, un programa dirixido a estimular a participación cidadá nos procesos científicos.

Máis de 650 estudantes tomaron parte destes procesos investigadores, que abordaron desde os seus propios centros educativos durante os últimos meses e que foron expostos este venres no marco desta feira celebrada na Escola de Enxeñaría Forestal do campus universitario.

O evento comezou coa presentación das quince investigacións realizadas polos nenos e nenas de primaria dos colexios Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, Manuel Vidal Portela, Ponte Sampaio e A Xunqueira II, así como nos CRP Calasancio, Sagrado Corazón de Pontevedra e Sagrado Corazón de Praceres e no CEE Pontevedra.

Todos eles foron avaliados por un comité integrado por unha vintena de investigadores, tanto das facultades e escolas do campus, como do Centro Universitario da Defensa (CUD) e do CSIC. 

A quenda na sesión da tarde foi para a presentación doutras dezasete investigacións, realizadas neste caso por estudantado de secundaria, bacharelato e FP.

Concretamente, participaron nesta categoría os institutos Luis Seoane, Montecelo, Torrente Ballester e Valle Inclán, os CIFP A Xunqueira e Carlos Oroza, o CFEA Lourizán e o CPR Sagrado Corazón de Praceres.

Xa para mañá sábado está prevista a presentación das sete investigacións realizadas por dezasete familias para a categoría Ciencia en Familia, o que sitúa nun total de 39 o número de proxectos que optan aos premios e diplomas que se outorgarán este sábado ás 13.30 horas.

Ademais de presentar os seus traballos, o estudantado participa nunha vintena de talleres, dirixidos a achegalos ás aplicacións da ciencia en múltiples eidos, da astronomía á cociña, pasando pola preservación da biodiversidade.

Entre outras propostas, puideron coñecer as aplicacións das imaxes dos satélites Sentinel na prevención e análise dos incendios forestais, visitar o arboreto do campus, afondar nos efectos da difusión de noticias falsas ou comprobar as aplicacións da robótica ou da realidade virtual.