Os fondos marisqueiros de Cambados, limpos de tonelada e media de residuos

O Salnés
09 de outubro 2021

Vellos pneumáticos semienterrados e grandes conxuntos de cordas e cabos enmarañados que viñan obstaculizando ata a data o traballo das mariscadoras, foron os obxectos retirados máis voluminosos. Un dos grupos dedicouse a retirar vidro, contabilizando máis de 4.500 fragmentos

Limpeza nos fondos marisqueiros de Cambados
Limpeza nos fondos marisqueiros de Cambados Afundación

Case 1.600 quilos de residuos son os que retiraron este sábado mariscadoras da confraría de pescadores de San Antonio e diversos voluntarios dos fondos marisqueiros de Cambados.

Esta actividade de limpeza enmárcase dentro do programa Plancton, unha iniciativa de Afundación e Abanca para protexer a biodiversidade das zonas mariñas de Galicia.

Vellos pneumáticos semienterrados e grandes conxuntos de cordas e cabos enmarañados que viñan obstaculizando ata a data o traballo das mariscadoras, foron os obxectos máis voluminosos retirados durante o transcurso da actividade.

Un dos grupos dedicouse a retirar vidro, contabilizando máis de 4.500 fragmentos.

Ademais, nasas, metal non identificable, botellas e botes de plástico, unha batería de coche, unha bengala mariña, latas de refresco, plásticos de diversa índole, un reloxo ou unhas chaves de coche completan o abanico de residuos retirados nesta xornada de limpeza.

A actividade contou tamén coa colaboración do Concello de Cambados, quen se encargou de trasladar os residuos ao punto limpo, unha vez finalizadas as tarefas de clasificación e pesada coas que se puxo punto e final a esta intensa e frutífera mañá de voluntariado ambiental. 

A próxima parada do proxecto Plancton será o sábado 16 de outubro na Lanzada, onde se realizará unha gran batida de limpeza de residuos ao longo de todo o areal.