Os entroidos galegos, unha "ocasión perfecta" para visitar Galicia "tamén fóra de tempada alta"

Pontevedra
08 de febreiro 2018

Máis de 175 municipios de Galicia declararon festivo o luns ou martes de Entroido ou o Mércores de Cinza

Madamas e Galáns no entroido de Cobres (Vilaboa) Mónica Patxot

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, sinalou aos entroidos galegos como unha "ocasión perfecta" para visitar Galicia "tamén fóra de tempada alta" y salientou a súa potencialidade para posicionar a nosa comunidade "entre os destinos turísticos punteiros durante o inverno".

Máis de 175 municipios de Galicia declararon festivo o luns ou martes de Entroido ou o Mércores de Cinza, engadiu como exemplo da importancia desta festividade.

Acompañada dunha representación das Madamas e Galáns característicos do Entroido de Cobres, na localidade pontevedresa de Vilaboa, Nava Castro repasou os nove entroidos recoñecidos como Festa de Interese Turístico de Galicia, que son: Os Xenerais da Ulla, os peliqueiros de Laza, o de Viana do Bolo, o folión tradicional do Entroido de Manzaneda, o de Maceda, o Boteiro e o Fulón de Vilariño de Conso, os cigarróns de Verín, o das pantallas de Xinzo de Limia e o xa citado de Cobres.

Para Nava Castro estas festas son "un dos mellores expoñentes dos valores que fan de Galicia un destino singular" e recordou o compromiso da administración autonómica con todos estes "valores diferenciadores" que ven marcado na estratexia do turismo de Galicia 2020.

A directora de Turismo de Galicia engadiu que o obxectivo da Xunta é potenciar estas tradicións e o patrimonio etnográfico "a través dunha actividade turística que os protexa e o poña en valor, permitindo aos visitantes integrarse na nosa cultura e gastronomía", salientou.

Neste senso, Nava Castro lembrou que o entroido en Galicia acompáñase sempre dunha boa mesa.

Finalmente a directora de Turismo lembrou que durante estes días se está a celebrar unha viaxes de familiarización con xornalistas alemáns especializados en viaxes e turismo pensando especialmente na proxección internacional destas festas. Na súa viaxe coñecerán parte dos carnavais máis tradicionais da comunidade galega así como a oferta de pazos e xardíns nos que estes días locen camelias.

Arquivado en