Os ecoloxistas ven un "disparate" a urbanización con campo de golf en Monte Faro

Sanxenxo
22 de xullo 2022

Sanxenxo prevé modificar o seu PXOM para, entre outras operacións inmobiliarias, autorizar a construción dunha urbanización de 1.290 vivendas en Monte Faro, en Noalla. O proxecto inclúe ademais un campo de golf. Para os ecoloxistas, todo isto é un "disparate"

Vial de acceso a Monte Faro Concello de Sanxenxo

Sanxenxo prevé modificar o seu PXOM para, entre outras operacións inmobiliarias, autorizar a construción dunha urbanización de 1.290 vivendas en Monte Faro, en Noalla. O proxecto inclúe ademais un campo de golf. Para os ecoloxistas, todo isto é un "disparate".

O Colectivo Ecoloxista do Salnés considera "inxustificado" urbanizar esta zona forestal, tan apartada do núcleo urbano, porque "non atende a necesidades de vivenda senón a segundas residencias", o que contradí "calquera criterio de xestión sostible do territorio".

Recordan que xa no 2010 presentaron unha demanda xudicial contra un proxecto similar no mesmo sitio "e o xulgado deunos a razón", sinalan desde esta asociación, baseándose no impacto paisaxístico que crearían tantas vivendas no cumio e na ladeira de Monte Faro.

Pero o proxecto, que segundo os ecoloxistas "quedou durmido ata agora", retómase nun momento no que "é cada vez máis crecente o número de edificacións inseridas na paisaxe agraria, forestal e natural", un dos principais recursos do municipio.

"Se o Concello quere crear espazos verdes para a cidadanía, deberían pensar en espazos cheos de vida", apunta o Colectivo Ecoloxista do Salnés, fomentando a substitución de especies arbóreas pirófitas coma os eucaliptos por especies frondosas autóctonas e poñer en valor o patrimonio cultural que hai no entorno de Monte Faro "e que segue esquecido".

Un campo de golf, reiteran desde este colectivo, "non é un espazo con biodiversidade aberto á cidadanía, por moi verde que sexa". Consideran "imprudente" que no contexto actual de emerxencia climática se queiran crear campos de golf, "cun alto consumo de auga y enerxía".

Os ecoloxistas do Salnés subliñan que a administración debe velar polo cumprimento da lei de protección ambiental e paisaxística no que se refire á xestión urbanística e do territorio e o desenvolvemento sostible, "pero os nosos gobernantes insisten en que só sexa papel mollado".