Os dous millóns para remodelar o perímetro da Praza de Barcelos sairán da Deputación

Pontevedra
25 de marzo 2022

O acordo suporá a inxección de máis de dous millóns de euros para substituír a actual zona de lastros e crear un ámbito de preferencia peonil

Coches aparcados na praza de Barcelos Cristina Saiz

A Deputación aprobou este venres en pleno o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para levar adiante as obras de remodelación do perímetro da Praza de Barcelos. 

Trátase dun acordo polo que o ente provincial inxectará ao concello da capital 2.071.876 euros para substituír a actual zona de lastros e crear un ámbito de preferencia peonil, unha intervención que permitirá unha reorganización do espazo público dotándoo dunha maior seguridade e accesibilidade.

Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, o convenio circunscríbese na colaboración que a Deputación fai de maneira específica cos concellos de Vigo e Pontevedra por non entrar nas liñas de subvencións. 

Destacou que o goberno local da Boa Vila decidiu investir parte dos fondos provinciais que lle corresponden nestas obras, entre outras cousas, por ter relación co convento de Santa Clara que ademais previsiblemente pasará a formar parte do Museo de Pontevedra.

O nacionalista apuntou que as obras son necesarias posto que logo de que construír o estacionamento soterrado hai case un cuarto de século, a praza foi remodelada, pero non así o seu perímetro, que leva "moitísimos anos sen refacer e xa é oportuno". 

Así, a Deputación fará a súa achega en dúas anualidades: 1.208.594 euros no exercicio de 2022 e outros 863.282 euros en 2023 para financiar integramente as obras.

A obra terá un prazo de execución de doce meses e previsiblemente comezará no verán, posto que o Concello pontevedrés ten xa en marcha a adxudicación.

O novo perímetro da praza está concibido para favorecer os usos comerciais cunha ampliación das beirarrúas; os aparcamentos de servizos quedarán situados na banda contraria aos negocios; e o tráfico manterase cun único carril de entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e de saída cara Cobián Roffignac, suprimindo a circulación desde Benito Corbal cara San Antoniño, conservando as actuais entradas e saídas do aparcamento soterrado.