Os do Val do Lérez e o rei Urco abren nove días de Entroido en Pontevedra

Pontevedra
09 de febreiro 2018

A festa máis retranqueira do ano xa está aquí. O pistoletazo de saída dérono os integrantes da comparsa Os do Val do Lérez, que deron un pregón no que houbo oco para un pouco de teatro, un pouco de mímica e as cancións sen as que non se pode concibir o Entroido 

Lores, durante o pregón de Os do val do Lérez, que abriu o Entroido 2018 en Pontevedra Diego Torrado

A festa máis retranqueira do ano xa está aquí. Na cidade de Pontevedra non comeza oficialmente o Entroido ata que chega o rei Urco, rei desta festa, e se procede á lectura do pregón. Este venres, as dúas citas foron fieis a tradición e abriron nove días de festexos que rematarán o vindeiro sábado 17 co enterro do Loro Ravachol. 

Como para chorar xa haberá tempo con motivo do velorio e o enterro do loro máis representativo de Pontevedra, este venres tocou divertirse. O escenario central dos festexos foi neste primeiro día do Entroido a praza da Ferrería, onde o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva, organizaron a habitual recepción oficial a Urco. El, o rei destas festas, chegou acompañado do seu séquito e das comparsas Os Canecos, Amoriños de Bora, Las Flores del Carnaval, Os Solfamidas e Os Paparrulos.

Recibida e homenaxeada a comitiva real, chegou o momento do pregón, que este ano correu a cargo da comparsa Os do Val do Lérez e incluíu un pouco de teatro, un pouco de mímica e as cancións sen as que non se pode concibir o Entroido. Tras iso, chegou a festa desenfrenada, que se expandiu por todas as rúas da cidade e serviu como o mellor aperitivo posible para un dos eventos máis agardados cada ano na vila do Lérez: o desfile.

O desfile de Entroido é cada ano unha das citas con máis participación na cidade e, para ir preparando aos pontevedreses, a festa comenzará xa a partir das 11.00 horas con pasarrúas polo centro histórico a cargo da comparsa Os Canecos.

Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, empezarán a concentrarse na rúa José Malvar os participantes no desfile para realizar a inscrición e recollida do número de participación. E ás 17.00 horas será o gran momento. Partirá o desfile, que percorrerá as rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda.

Xa a partir das 20.00 horas, e para rematar o día, haberá na praza da Ferraría a festa do Entroido, durante a que se fará entrega dos premios do concurso de disfraces en cada unha das modalidades. 

NON TE PERDAS toda a programación destas festas nestas ligazón e NON TE DESPISTES de ningún dos cambios de tráfico polo desfile de Entroido nesta outra

Arquivado en