Os cribados para detectar asintomáticos no Grove confirman os positivos de 5 menores e 7 adultos

O Salnés
12 de abril 2021

Estas cifras déronse a coñecer na mesma xornada na que o alcalde de Vilanova anunciou que o Servizo Galego de Saúde realizará un cribado neste municipio ante o aumento de casos de covid-19. Este luns hai 15 casos activos, un máis que o domingo, e ten unha incidencia acumulada a 14 días de 140 casos por 100.000 habitantes

Test rápido de cribado da covid-19 Mónica Patxot

Os cribados poboacionais realizados nos últimos días no Concello do Grove ante a elevada incidencia da covid-19 permitiron detectar 12 pacientes asintomáticos que dan positivo na enfermidade.

Así o deu a coñecer este luns María del Carmen Val Sanlés, subdirectora de Prestación Farmacéutica da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Segundo explicou, trátase de 5 menores que foron detectados nas probas realizadas nos centros educativos do municipio e 7 adultos. 

En O Grove, único concello da área sanitaria que se atopa no nivel máximo de restricións, foron chamadas a realizar test de covid-19 un total de 3.900 persoas de 19 a 29 anos, citadas no pavillón municipal. Delas, presentáronse pouco máis de 2.800, en concreto, o 72,27% das convocadas. Sete deron positivo. 

Estas cifras déronse a coñecer na mesma xornada na que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, anunciou que o Servizo Galego de Saúde realizará un cribado neste municipio ante o aumento de casos de covid-19. Este luns hai 15 casos activos, un máis que o domingo, e ten unha incidencia acumulada a 14 días de 140 casos por 100.000 habitantes. 

Segundo a información facilitada por Gonzalo Durán, o cribado realizarase nas tardes do xoves 15 e o venres 16 e durante toda a xornada do sábado 17 e estarán citadas entre 2.000 e 2.500 persoas. Aínda se descoñece a que grupo de idade estarán dirixidas as probas.

O cribado realizarase na contorna do multiusos de Vilanova, a mesma zona na que se realizou a última iniciativa destas características no municipio, e o Concello xa encargou a instalación de carpas para poder facelo posible. 

Ante as cifras para el "decepcionantes" de participación en O Grove, Gonzalo Durán fai un chamamento á cidadanía para que acuda de forma masiva a realizar as probas, "a ver si frenamos esta cuarta ola que creemos que no va a ser tan importante como las anteriores". 

"Cuantos más asistamos, mejora la salud de nuestros vecinos, protegemos a nuestros mayores y evitamos daños económicos", insiste el alcalde, que tamén pide "por favor" á cidadanía que busque o momento de acudir a este cribado.