Os controis de tráfico despregados na Illa de Arousa na noite do sábado lanzan un sorprendente balance

O Salnés
07 de marzo 2022

Con motivo da festa do Entroido, a Policía Local da Illa de Arousa dispuxo numerosos controis durante a noite do sábado ao domingo. Foron controis aleatorios, tanto estáticos como dinámicos, repartidos por todo o municipio e que lanzaron un sorprendente balance

Axentes da Policía Local da Illa de Arousa Policía Local da Illa de Arousa

Con motivo da festa do  Entroido, a Policía Local da Illa de Arousa dispuxo numerosos controis durante a noite do sábado ao domingo. Foron controis aleatorios, tanto estáticos como dinámicos, repartidos por todo o municipio e que lanzaron un sorprendente balance.

Segundo informaron fontes oficiais da Policía Local, nun destes controis, un condutor tomou a glorieta en dirección contraria polo que lle deron o alto para denunciarlle por condución neglixente (200 euros de sanción).

Ao ser identificado os policías observaron que este individuo presentaba síntomas evidentes de atopase baixo os efectos do alcol ou as drogas, polo que procederon a realizar as correspondentes probas. No  etilómetro lanzou un resultado positivo de 0,59  miligramos por litro de aire expirado (o que supón 1.000 euros e detracción de 6 puntos do carné de conducir) pero é que tamén deu positivo no test de drogas por consumo de diferentes substancias psicotrópicas (outros 6 puntos do carné e 1.000 euros).

Trátase dun veciño do municipio que, ademais, foi denunciado por carecer o seu coche de ITV (200 euros máis).

Non foi este o único caso. Esa mesma noite noutro control preventivo da Policía Local na Avenida Castelao, os axentes observaron un turismo realizando un xiro prohibido polo que paran ao vehículo para denunciar a devandita infracción (200 euros) e conducir sen cinto de seguridade (200 euros e 3 puntos). Tampouco tiña a ITV (200 euros).

Ao cotexar a información deste veciño da  Illa na base de datos, comproban que tamén carece de permiso de conducir por perda total de puntos, tramitándose as dilixencias propias como investigado non detido por un presunto delito. 

Un pouco máis tarde é outro turismo o que se salta un Stop (200 euros e 4 puntos ) tras ser parado polos axentes estes observan que o condutor está baixo os efectos do alcol ou drogas, lanzando un resultado positivo en varias substancias (cocaína e thc). 

Na base de datos confirman que o home carece de permiso de circulación desde 2013, polo que tamén é denunciado. O pasado día 11 de febreiro xa fora denunciado polos mesmos motivos e por suplantación de identidade , sendo reincidente en tales feitos.

Estes tres homes terán que comparecer o martes nos xulgados de Vilagarcía para a celebración dun xuízo rápido por cada caso.

A xornada non acaba aquí para a Policía local, de novo en Avenida da Ponte, un turismo non realiza un Stop, e o condutor circula facendo uso do teléfono móbil, a patrulla téntalle dar o alto pero o condutor non se decata dos sinais luminosos nin acústicas mentres circula por encima da beirarrúa, ata que uns quilómetros máis adiante decide deterse.

Foi denunciado polo Stop (200 euros e 4 puntos) e uso de móbil (200 euros e 3 puntos) e lanzou un resultado positivo no  alcoholímetro de 0,75 miligramos por litro de aire expirado e positivo en drogas por consumo de cocaína co cal é denunciado administrativamente (1.000 euros e 6 puntos). Deberá comparecer a finais de mes nos xulgados de instrución de Vilagarcía para a celebración dun xuízo rápido.

A xornada continuo con varias denuncias por uso de teléfono móbil, carné caducado, denuncias administrativas por consumo de alcol (500 euros e 4 puntos), varias ITV, varias de conducir sen cinto e moitas de estacionamento e xiros indebidos.