Os concellos tratan de blindarse ante a expansión do coronavirus en Galicia

Bueu
12 de marzo 2020

Os municipios pontevedreses, en maior ou menor medida, comezan a activar todos os seus protocolos de actuación para facer fronte á expansión do coronavirus. Van a facelo, segundo comunicaron todos eles, seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias

Rúa do Balneario, Cuntis Concello de Cuntis

Os municipios pontevedreses, en maior ou menor medida, comezan a activar todos os seus protocolos de actuación para facer fronte á expansión do coronavirus. Van a facelo, segundo comunicaron todos eles, seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias.

Así, Sanxenxo avanzou que co fin de previr contaxios acordou pechar equipamentos municipais como a piscina, as instalacións deportivas, as escolas infantís e o centro de día a partir de mañá venres. 

Tamén se suspenderán todas as actividades extraescolares e de adultos e queda cancelado o Congreso de Artes Marciais previsto para este sábado no pavillón de Baltar (Portonovo).

O goberno local non descarta que, en función da evolución da pandemia, haxa que tomar novas medidas nas próximas horas segundo as directrices que marquen a Xunta ou o Estado. 

A este respecto, Poio pediu aos seus habitantes que, en caso de facer consultas ou xestións, fáganas por medios electrónicos ou telefónicos e acordou suspender todos os programas de lecer, cursos e actividades formativas durante dúas semanas. Tamén se cancelan as competicións do deporte de base e a actividade das escolas deportivas.

Con respecto aos seus traballadores, flexibilizarase a xornada laboral para aqueles funcionarios que teñan menores ou dependentes ao seu cargo e estableceranse quendas para garantir a atención aos cidadáns. Nalgúns casos, baixo xustificación, permitiranse modalidades non presenciais de traballo. Ademais, recoméndase evitar reunións físicas de traballo.

Pola súa banda, Cerdedo-Cotobade confirmou que se suspenderá a feira mensual de Carballedo e todas as actividades culturais e sociais durante as dúas próximas semanas.

A estas medidas súmase a recomendación aos veciños para que realicen todas as súas consultas por vía telemática ou telefónica, a obrigación de pedir cita previa para ser atendido por calquera departamento municipal, a implantación do teletraballo por quendas para os funcionarios ou o peche de bibliotecas, centros culturais e instalacións deportivas.

En Cuntis, segundo o bando emitido polo alcalde, a atención ao público nas dependencias municipais limitarase unicamente a casos de "extrema necesidade" e previa cita telefónica.

Ademais, todas as actividades culturais, deportivas ou sociais quedan suspendidas durante quince días e o Concello recomenda aos seus veciños que eviten as aglomeracións, que non fagan viaxes que non sexan imprescindibles, que non visiten centros médicos ou residencias ou que se laven con frecuencia mans e cara ou eviten contacto físico con outras persoas.

Medidas similares adoptou Caldas de Reis que, ademais de recomendar que os cidadáns usen medios electrónicos para comunicarse coa administración, anunciou que suspende as actividades municipais, en función da evolución do coronavirus, durante dúas semanas.

Pecharanse, entre outras dependencias, a oficina de turismo, as instalacións deportivas, o auditorio, o fogar do maior ou a biblioteca e suspéndese a actividade do mercado e o mercadiño ambulante.

A maiores, o goberno municipal recomenda aos pais que non leven aos seus fillos á escola infantil, que non se celebren actividades e festas privadas ou que non se visiten centros de maiores, hospitais ou ambulatorios salvo casos de necesidade.

Moraña sumouse a estas medidas ao decretar, do mesmo xeito que o resto de municipios, a suspensión de todas as súas actividades lúdicas e das escolas deportivas durante o próximos quince días. Ademais, pecharase ao público a casa de cultura e as instalacións deportivas e suspéndense as clases da escola de música municipal.

Bueu, por último, tamén comunicou a cancelación ata novo aviso de todos os actos públicos, reunións e actividades que poidan ser susceptibles de contar cun grupo numeroso de asistentes e solicita á súa poboación que cumpra coas recomendacións e cautelas establecidas polas autoridades sanitarias.

En todos os casos, os municipios piden aos cidadáns que sigan as instrucións ditadas polo Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade e, no caso de ter algún síntoma de enfermidade por coronavirus chámese ao 061 ou ao teléfono gratuíto de atención 900 400 116.