Que vai pasar este verán coas praias é unha das grandes incógnitas das fases da desescalada pola pandemia do coronavirus.
Na ría de Pontevedra, algúns concellos como o de Sanxenxo lanzáronse xa ao parcelamento dos areais e planean a contratación de vixiantes para controlar o cumprimento da distancia de seguridade, mentres que os demais permanecen á espera da evolución da crise sanitaria para decidir que facer.
A estas alturas do ano, todos os concellos deberían estar inmersos no proceso de contratación de socorristas e demais servizos que ofertan cada verán nas praias. Con todo, a incerteza que pesa sobre a campaña estival está a atrasar todos os procedementos.
"Estamos pendentes da subvención da consellería, que está parada. E tamén dos avances no estado de alarma sobre as praias", explican desde o gabinete de comunicación do Concello de Bueu, sen poder asegurar a estas alturas se haberá vixiantes nas súas praias ou non.
Menos dúbidas teñen no Concello de Poio. "A día de hoxe a intención é contratar socorristas, o que pasa é que estamos pendentes dos procesos administrativos despois de que se paralizasen co estado de alarma", puntualizan. Con todo, o goberno local ten previsto manter os mesmos servizos que na última campaña: un corpo de salvamento integrado por seis traballadores para as praias de Cabeceira e Xiorto.
En Marín aínda non saben con cantos socorristas poderán contar, dependerá da contía da subvención que cada ano concede a Xunta aos concellos para a contratación de socorristas, pero o goberno local está decidido a contratar vixiantes para as súas praias nesta tempada e o proceso selectivo atópase xa en fase de tramitación para lanzalo tan pronto como sexa posible.
O persoal roldará o mesmo número de integrantes que o curso anterior: 21 socorristas, tres patróns e un coordinador.
Onde está máis avanzado o proceso é na vila turística por excelencia das Rías Baixas. O Concello de Sanxenxo ampliará o seu persoal do ano pasado para contratar a 82 socorristas e sanitarios, ademais de 26 vixiantes de apoio, que terán a misión de velar polo cumprimento das medidas de distanciamento social. Un total de 108 traballadores.