Os concelleiros estudarán cambiar o nome da rúa Fernández Ladreda por María Victoria Moreno

Pontevedra
11 de setembro 2017

Galeguización, toponimia e feminización, proposta do goberno local de Pontevedra para nomear as rúas da cidade

Avenida de Fernández Ladreda Mónica Patxot

A presidenta da Comisión de Cultura, Carmen Fouces, presentou na reunión deste luns unha proposta sobre o nomeamento das rúas da cidade, para que fora valorado polos seus membros co compromiso de levar a vindeira reunión unha proposta máis pechada para traballar sobre ela.

A proposta é manter as liñas de traballo da comisión para nomear as rúas: "galeguización e toponimía", como se viña facendo até o de agora, e incluír a de "feminización", para tratar de facer visibles no rueiro da cidade ás mulleres de Pontevedra.

Carmen Fouces lembrou que o listado de mulleres xa foi tratado no pleno, polo que a presidenta fixo xa a primeira proposta na comisión: cambiar o nome da rúa Fernández Ladreda por María Victoria Moreno, como primeiro paso desta xeira.

PAZO DE MEIRÁS

A Comisión de Cultura abordou ademais este luns dúas mocións, unha do grupo municipal do BNG e outra de Marea, coa mesma temática: o pazo de Meirás. Os grupos acordaron reunirse para tratar de levar unha moción única ao pleno municipal do venres 15 de setembro.

As dúas mocións foron ditaminadas a favor cos votos de BNG, PSOE e Marea e a abstención de PP e Cidadáns.