A directiva da comunidade de montes da parroquia de Mourente anunciou este mércores que non dará tregua ás distintas administracións na súa defensa do carballo de Santa Margarita. Faralles chegar unha completa proposta para a súa recuperación, posta en valor e xestión e daralles un "prazo prudencial" para que a estuden e poñan en marcha. No caso de que, pasado un tempo, persista o estado de abandono actual, advirten de que farán mobilizacións, recollerán firmas e todo o que sexa necesario.
"Que saiban as administracións que non van poder seguir máis tempo apartando os ollos do carballo", advertiu o presidente dos comuneiros, Carlos Morgade, nunha comparecencia na que a directiva da comunidade concluíu que a "única solucion" para salvar a árbore é que se elebore un plan de xestión e se poña en marcha un órgano que reclame e vixíe a súa aplicación.
A súa proposta é que adopte a forma dun padroado composto por todas as administracións públicas con competencias na materia e tamén unha representación dos veciños da zona ou da comunidade de montes "por terse demostrado que foron eles os que, de xeito constante, se teñen significado en reclamar a atención técnica e urbanística que demanda este símbolo nacional".
En concreto, deberían estar representados o Arcebispado de Santiago como titular dos terreos nos que está asentado; a Consellería de Medio Ambiente como responsable de gararantizar os seus coidados como "árbore senlleira" legalmente cualificada; a Consellería de Cultura como responsable das acutaciones nos elementos arquitectónicos; o Concello de Pontevedra pola súa responsabilidade na ordenación urbanística da zona; e a Deputación Provincial como titular da vía pública que pasa baixo o carballo.
Os comuneiros móstranse especialmente críticos coa actuación do Arcebispado de Santiago e da Consellería de Medio Ambiente, pois considera a ambas as administracións responsables do abandono do carballo, o "principal problema" que ten a árbore. Na súa opinión, con este abandono son responsables dun "incumprimento flagrante da lei", pois o decreto da Xunta polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, no que está incluída esta planta, obrígaas a garantir o seu coidado e estano incumprindo.
A Consellería de Medio Ambiente alega que non realiza actuacións no carballo porque está nun terreo privado -do Arcebispado-, un argumento que aos comuneiros de Mourente parécelles "unha escusa patética". Igual pasotismo detectan na Igrexa, por iso é polo que "ante a indiferenza total e absoluta dos responsables de atender ao carballo", decidiron propoñer as súas medidas.
En relación coa actuación do Concello de Pontevedra, valoran que é a única administración que organiza actividades para a posta en valor do carballo e que hai meses xa anunciaron un proxecto para a recuperación da contorna. Trátase dunha proposta "de mínimos", pero recoñecen que non poden facer máis dentro das súas competencias.
En relación coa Deputación Provincial, critican a instalación dun 'lombo' na estrada provincial que pasa pegada á árbore, pois o danou. Con todo, recoñecen que aínda que son a administración que máis dano directo lle fixo ao carballo con este resalto, tamén é "a única institución que realizou algún tratamento para a súa conservación e recuperación a través da estación fitopatolóxica do Areeiro.