Os comuneiros aumentarán a vixilancia no Lago de Castiñeiras tras o roubo de seis cabras ananas

Marín
07 de setembro 2023

A comunidade de montes de San Xulián ten previsto adoptar medidas de vixilancia no espazo pechado onde desapareceron seis cabras, tres delas crías, durante os últimos meses. Os responsables da organización calculan que as perdas ascenden a 600 euros e xa presentaron denuncia ante a Policía Nacional ao comprobar que o valado metálico fora forzado para efectuar o roubo

Cabra da comunidade de montes de San Xulián Comunidade de Montes de San Xulián

Responsables da comunidade de montes de San Xulián de Marín denunciaron ante a Policía Nacional o roubo de seis cabras ananas, tres delas crías, nun recinto pechado no Lago de Castiñeiras.

A finais de xullo detectaron a desaparición de tres crías, ás que se sumaron outros tres exemplares adultos. Comprobaron que o valo metálico de arame fora forzada coa utilización dalgunha ferramenta para acceder ao espazo no que se atopaban.

Adrián Arias, directivo da comunidade de montes, entende que se realizou durante a noite porque ao longo do día adoita haber persoas por esa zona. Entende tamén que os autores desta acción "non poden estar moi lonxe" facendo referencia a que deben ser da contorna.

Calculan que a perda ascende a máis de 600 euros coa desaparición destes animais que eran utilizados para limpar de maleza zonas do monte.

Agora, o recinto quedou con tan só dous exemplares adultos e unha cría, filla dunha das cabras roubadas, que é coidada por persoal da asociación Xoán XXIII.

Adrián Arias recoñece que a comunidade de montes estuda a posibilidade de instalar algún sistema de vixilancia a través de cámaras ou coa presenza de cans para evitar novos incidentes. Lembra que o Lago de Castiñeiras é un espazo referencial e lamenta que, nos últimos tempos, converteuse nun espazo onde se suceden actividades vandálicas como o roubo de grellas nos asadores instalados ou danos nos bancos.

A Policía Nacional de Marín tamén lles indicou que tentarán incrementar a vixilancia na zona, aínda que a directiva de San Xulián recoñece que será difícil recuperar ás cabras e contempla a posibilidade de que permanezan nalgún domicilio particular ou mesmo que fosen xa vendidas a través de internet.