Os comuneiros, ante a vaga de lumes: "A única trama que hai é a falta de xestión forestal"

Pontevedra
20 de outubro 2017

Os comuneiros critican a política forestal actual en xeral e, de forma específica, a relativa ás liñas de axudas da Xunta de Galicia para a prevención de incendios, pois este ano foron desestimadas as peticións de axudas de 238 comunidades de montes galegas, entre as que están varias da contorna periurbano de Pontevedra como Salcedo, Mourente ou Lérez  

Representantes das comunidades de montes de Pontevedra antes de comparecer para valorar a xestión forestal ante os incendios PontevedraViva

A Fiscalía Superior de Galicia abriu dilixencias de investigación para determinar a posible existencia dunha trama organizada tras a vaga de incendios da última semana en Galicia. As comunidades de montes, que este venres compareceron ante os medios para manifestar o seu parecer sobre o sucedido, valoran que "a única trama que hai é a falta de xestión forestal". 

O presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra e comuneiro de Lourizán, Iván Pérez, compareceu acompañado por comuneiros das parroquias de Salcedo, Campañó e O Salgueiral, e cualificou de "auténtica vergoña" o que está a suceder en relación cos incendios en Galicia, ademais, de incidir en que a desgraza non foi maior grazas ao bo tempo, pois se houbese unha semana enteira sen choiva "estariamos falando dunha traxedia de magnitudes incalculables"

Os comuneiros critican a política forestal actual en xeral e, de forma específica, a relativa ás liñas de axudas da Xunta de Galicia para a prevención de incendios, pois este ano foron desestimadas as peticións de axudas de 238 comunidades de montes galegas, entre as que están varias da contorna periurbano de Pontevedra como Salcedo, Mourente ou Lérez.

Os responsables das comunidades de montes critican que se rexeitaron as axudas ás comunidades con terreos nas zonas máis próximas ás cidades e a núcleos habitados, xusto as máis afectadas na onda de incendios deste outubro e que, con todo, non reciben axudas pola súa densidade de poboación. En Vigo, por exemplo, é o caso das de Valadares e Coruxo e, en xeral, resultaron moi afectadas zonas próximas ás poboacións moi necesarias "para espazos de lecer, como pulmón, como protección hidrolóxica...". 

"Non só non axudan, senón que poñen trabas", critica Iván Pérez, que ve necesario un diálogo entre as administracións e a cidadanía para poñer freo a este tipo de catástrofes ambientais e fai un chamamento ás administracións, colectivos e cidadáns porque "temos que traballar día a día, non esperar a que veña unha traxedia". Na actualidade, de feito, lamentan que aínda estamos a sufrir situacións que xa se viu que eran perjudicales nos incendios de 2006 e repetíronse. 

Os comuneiros reclaman á Xunta de Galicia unha serie de medidas que inclúen a reforestación da superficie queimada, a retirada inmediata do criterio de densidade de poboación na concesión de axudas, un compromiso da administración para dotar de orzamento as liñas de axudas para os traballos de prevención de incendios, a concesión de traballos preventivos e a necesidade de coordinar ás administracións de Medio Rural e Patrimonio.

Arquivado en