Os 'community manager' celebran o seu día en Pontevedra

Pontevedra
26 de xaneiro 2015

As redes sociais chegaron para quedar. Hoxe en día non se concibe a comunicación sen estas plataformas. Non se trata dunha moda pasaxeira, senón unha realidade cada vez máis presente na sociedade. Sobre esa idea xirou a primeira edición do Social Media Day, celebrado este luns no campus universitario cunha xornada que reuniu a catro profesionais nesta materia para analizar o papel actual destas novas ferramentas

Poñentes da primeira edición do Social Media Day en Pontevedra Universidade de Vigo

As redes sociais chegaron para quedar. Hoxe en día non se concibe a comunicación sen estas plataformas. Non se trata dunha moda pasaxeira, senón unha realidade cada vez máis presente na sociedade. Sobre esa idea xirou a primeira edición do Social Media Day, celebrado este luns no campus universitario cunha xornada que reuniu a catro profesionais nesta materia para analizar o papel actual destas novas ferramentas.

Cos relatorios de Iago Varela, Cristina Moreira, ÿscar Reboiras e Verónica Ramallal, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebrou este luns por primeira vez o Día Mundial do Community Manager, grazas a unha xornada coordinada polo profesor Xabier Rolán, que "era de xustiza celebrar", como salientou a decana do centro, Emma Torres, polo campo de traballo que supón para os titulados neste grao.

O coordinador do blog Mallando no Android, Iago Varela, foi o encargado de abrir estas xornadas relatando o valor que tiveron as redes sociais para a campaña que levaron a cabo para solicitar unha versión do sistema operativo Android en galego.

"As redes sociais constitúen unha ferramenta básica para axudar a construír unha comunidade arredor dun medio especializado", destacou este relator, que incidiu no valor que ten "interactuar coa xente" e coñecer as súas opinións á hora de levar a bo porto calquera iniciativa. Pero Varela tamén apuntou ao alumnado a importancia de desenvolver a súa "personalidade social", de empregar as redes sociais "parar que outros nos coñezan e saiban que facemos e como o facemos", algo que, engadiu, "axudaravos a atopar traballo".

Neste sentido, a xestora de comunidades virtuais Verónica Ramallal centrou precisamente a súa intervención na "creación dunha marca persoal" a través da rede. Aínda que o proceso inicial, apuntou, "sexa o mesmo que antes" e pase por un labor de "autocoñecemento e o desenvolvemento dunha estratexia", as ferramentas para difundir esa imaxe teñen mudado por completo.

"Pero realmente, iso é positivo, posto que dispós de moitos máis canais, só tes que aprender a diferenciar para que serve cada un e conseguir dalgún xeito chamar a atención nunha contorna na que todo o mundo ten acceso a todo tipo de información", engadiu Ramallal, que recomendou "ser activos nas redes sociais, pero tamén saber medir os tempos e ter unha presencia correcta, xa que todo o que fas, para ben ou para mal, ten moita máis repercusión"

Pola súa banda, ÿscar Reboiras, membro do equipo de social media de R, centrou a súa intervención no valor das redes sociais como plataformas de atención ao cliente. "Hoxe en día a xente está conectada a internet as 24 horas e unha empresa ten que estar onde están os seus clientes, polo que non podes mirar para outro lado", apuntou este community manager, que ve nas redes sociais unha "plataforma inmellorable para saber que opinan de ti". 

Incidiu en que "as redes sociais son fundamentais no proceso posvenda", posto que é entón cando os clientes van interactuar coa empresa á que adquiriron un determinado produto ou servizo. E se non están conformes, "dispoñen dunha canle de comunicación onde aumentar a repercusión da súa queixa". De feito, segundo Reboiras, "moitos usuarios chegan ás redes sociais despois de que non se lles solucionase adecuadamente o seu problema, polo que as empresas deben ter en conta que pode ser a última oportunidade para facer ben as cousas". 

Nesa mesma liña, a deseñadora Cristina Moreira afondou na necesidade de que as empresas sexan capaces de "reflectir a súa personalidade" a través das redes sociais, campo no que cobra especial relevancia a súa "identidade visual". Neste sentido, Moreira fixo énfase na importancia que ten a imaxe nas redes sociais, nas que constitúe unha ferramenta coa que "complementar as palabras, que facilita tanto a percepción da túa mensaxe como que esta capte máis a atención do espectador".