Os comerciantes ven "brotes" no centro histórico tras un ano "diferente"

Pontevedra
03 de novembro 2016

O centro histórico converteuse nos últimos anos nun dos pulmóns da actividade económica da cidade. Cada vez son máis os establecementos comerciais, máis aló da hostalería, que deciden abrir as súas portas na zona monumental. E nos últimos meses parece reforzarse esa tendencia

Centro histórico de Pontevedra Juan Mejuto

O centro histórico converteuse nos últimos anos nun dos pulmóns da actividade económica da cidade. Cada vez son máis os establecementos comerciais, máis aló da hostalería, que deciden abrir as súas portas na zona monumental. E nos últimos meses parece reforzarse esa tendencia.

Así o corroborou o presidente do Centro Comercial Zona Monumental, Miguel Lago, que asegurou este xoves que "parece que ven brotes" no centro histórico e mostrouse esperanzado de que "eses brotes crezan" nos próximos meses.

Os comerciantes tamén notaron, segundo Lago, que o bo tempo que se está rexistrando desde a pasada primavera axudou a aumentar as vendas do comercio local e a recadación da hostalería pontevedresa, polo que entende que en todo caso que este ano está a ser "diferente" para todos.

Pero todo iso non implica que tanto Zona Monumental como o Concello baixen os brazos. Por iso, acaban de renovar o convenio anual polo que ambos investirán 45.000 euros en diferentes iniciativas para a promoción do centro histórico como espazo comercial e de actividade económica.

Neste convenio inclúese a participación dos comerciantes do centro histórico nas Festas da Peregrina, a iluminación de nadal, a feira de artesanía Ponte Nadal e a campaña Outono Monumental.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que o centro histórico é o "activo máis importante" que ten Pontevedra para os turistas que nos visitan, pero tamén para os propios veciños ao ser unha área "viva e dinámica" grazas ao comercio local. Por iso é polo que o Concello reiterase o seu "máximo interese" en potenciar todo este ámbito.