Os ciclistas mobilízanse "por un monte libre de trampas e con bicicletas"

Pontevedra
08 de novembro 2015

Ao redor de setecentos ciclistas concentráronse no Campo de Golf de Meis e algúns menos na Praza de España de Pontevedra nun acto de protesta "por un monte libre de trampas e con bicicletas"

Os ciclistas mobilízanse "por un monte libre de trampas e con bicicletas" PontevedraViva

Ao redor de setecentos ciclistas concentráronse no campo de golf de Meis e algúns menos na Praza de España de Pontevedra nun acto de protesta "por un monte libre de trampas e con bicicletas".

Convocados pola Asociación Pedaladas e Masa Crítica, os manifestantes esixiron o "estrito cumprimento das obrigacións que lle corresponden á Xunta" como garante do acceso ao monte. Ás administracións reclamaron "que fagan unha defensa pechada das actividades lúdico deportivas que son respectuosas co medio", e aos corpos e forzas de seguridade demandaron a "persecución dos criminais que atentan contra a nosa vida".

"Un acto criminal nunca é xustificable e temos dereito a vivir a natureza, chegar ao noso patrimonio histórico e gozar das paisaxes da nosa terra", rezaba o comunicado que foi lido polo actor David Amor e o xornalista Ramón Mella.

Os ciclistas tamén apelaron á "necesaria concienciación da sociedade", argumentando que "o medio natural é de todos" e por iso existe a "obrigación" de "coidalo". Tamén advertiu que denunciarán "esta barbarie ante as institucións" para que esas accións non queden "impunes".

Ante o seu convencemento de que será unha "protesta longa", a Asociación Pedaladas propuxo que as asociacións e os clubs de ciclistas, así como a Federación Galega de Ciclismo, senten "con todos os interlocutores, pero tendo claro que a bicicleta no monte non é "negociable".

Entre os asistentes á concentración celebrada en Pontevedra atopábanse a Peña Ciclista Umia, Club Ciclista Corvelo, Armenteira e punto, A roda do demo, Club Ciclista Farto, Club Rías Baixas, Os Míticos, o Equipo Ciclista SuperFroiz, Bicivoadores, Tiramillas, Oliveira Bike, a Asociación de Ciclistas Galegos, a Federación Galega de Ciclismo ou o colectivo pontevedrés Masa Crítica, entre unha longa lista de participantes.

Ademais houbo presenzas destacadas como a campioa galega de cros country, Lucía Vázquez, ou o ciclista Delio Fernández.

Entre todos eles, destacou a presenza de Diego González, un ciclista que, a consecuencia dun accidente provocado por unha trampa colocada no monte Alba de Vigo, sofre unha lesión medular. Precisamente, unha das pancartas despregadas, co lema "Non máis trampas no monte" e o hashtag #cualquierapodriaserdiego, facía énfase no seu caso.