Os centros escolares despiden o entroido

Pontevedra
16 de febreiro 2018

Escenas como o enterro da sardiña protagonizadas polos alumnos do CEIP de Ponte Sampaio ou do velorio do Loro Ravachol na Escola Infantil do Campus reproducíronse este venres polos centros escolares para dicir adeus á semana de entroido

Enterro da Sardiña no CEIP de Ponte Sampaio CEIP Ponte Sampaio

Os centros escolares de Pontevedra dixeron adeus á semana de entroido, e fixérono con diferentes actos.

Así por exemplo, o CEIP de Ponte Sampaio festexou este venres o seu tradicional enterro da sardiña, no que participaron alumnos de educación infantil e profesores.

Durante toda a semana os nenos e nenas elaboraron unha sardiña-piñata á que renderon loito facendo unha sentida despedida polos corredores do colexio a modo de cortexo fúnebre ata o ximnasio, onde tras despedirse abriron a piñata para poder gozar dos caramelos e lambetadas que contiña no seu interior.

Tamén rendeu loito, no seu caso ao Loro Ravachol, a Escola Infantil do Campus de Pontevedra, cun particular velorio no que non faltaron música e  lambonadas. As dúas últimas semanas estiveron marcadas polo entroido neste centro, no que o martes se celebrou unha festa de disfraces na que nenas, nenos e profesoras acudiron disfrazados de rockeiros.

Arquivado en