Os centros educativos de Poio volverán cobrar protagonismo na programación do 25N

Poio
29 de setembro 2022

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) están a ultimar a programación A concelleira de Igualdade e a directora do CIM xa mantiveron hai uns días unha reunión co equipo de dirección do IES de Poio. Durante novembro e decembro vanse organizar diferentes obradoiros dirixidos ao alumnado de ESO e de Bacharelato 

Reunión de Silvia Díaz e Raquel Morales coa dirección do IES de Poio Concello de Poio

A campaña do 25-N, no que se conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, volverá ter este ano 2022 un marcado protagonismo do tecido social e educativo de Poio.

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) están a ultimar a programación e a tenente de alcalde e responsable da área, Silvia Díaz, adianta que non faltarán os actos habituais, como a realización da andaina ‘Paso a Paso: libres de violencia de xénero’, que terá lugar o último domingo de novembro, ou o paro institucional ás portas do Consistorio, o propio día 25.

O Concello presentará a programación nos próximos días e xa dan a coñecer que manterán a súa aposta por implicar ás asociacións á hora de desenvolver actividades, obradoiros e iniciativas que sirvan para concienciar á cidadanía da necesidade de promover unha sociedade libre de violencia de xénero e na que se aposte pola igualdade entre homes e mulleres.

As actividades a desenvolver no tecido educativo serán as máis importantes do programa e a concelleira de Igualdade e a directora do CIM, Raquel Morales, xa mantiveron hai uns días unha reunión co equipo de dirección do IES de Poio para concretar a programación.

Durante os meses de novembro e decembro vanse organizar diferentes obradoiros dirixidos ao alumnado de ESO e de Bacharelato sobre cuestións como a prevención de violencia de xénero, a eliminación de estereotipos ou a cousificación dos corpos nas redes sociais. 

A programación contará con algunhas novidades con respecto a edicións anteriores e vaise dar traslado da mesma ao Consello Municipal da Muller, no que están representados os grupos políticos da Corporación e as asociacións de Mulleres do municipio.

O programa do 25 de novembro finánciase con fondos obtidos a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.